A exposición “Freemos o cambio climático”, promovida conxuntamente por Verdegaia e por Ecologistas en Acción, explica que é o cambio climático, as súas causas, os seus efectos a nivel mundial e na Península Ibérica e as súas solucións. A exposición, que consta de 14 paneis, ponse a disposición de asociacións, centros de ensino e institucións de toda Galicia

A actividade humana está alterando o clima mundial. Xa se sabe que, de non reducirmos a tempo as emisións de dióxido de carbono (CO2) e doutros gases que intensifican o efecto invernadoiro, os efectos serán moi graves para o medio ambiente, a economía e a sociedade. A responsabilidade principal deste problema é dos países enriquecidos do Norte, mais serían os países empobrecidos do Sur os máis prexudicados.

Os obxectivos da exposición son concienciar sobre a magnitude e a urxencia do problema do cambio climático e estimular a participación da sociedade galega na loita contra o maior problema ambiental global. É fundamental que, como cidadáns e cidadás, presionemos ás Administracións que actúan en Galicia para que se tomen en serio o problema do cambio climático e actúen en consecuencia. Por outro lado, tamén temos un papel importante como consumidores e consumidoras: o uso que facemos da enerxía na nosa actividade diaria (no transporte, a calefacción, a iluminación, etc.) contribúe ás emisións de CO2, o principal gas de invernadoiro. Se facemos un uso eficiente desa enerxía, elixindo tecnoloxías que aforren e prescindindo de excesos de consumo, seremos parte da solución ao cambio climático.

A exposición, unha adaptación a Galicia da concebida a nivel estatal por Ecologistas en Acción, está formada por 14 paneis:

  1. Presentación

  2. Que é o cambio climático?

  3. Efectos.O cambio climático no Mundo (I)

  4. Efectos.O cambio climático no Mundo (II)

  5. Efectos. O cambio climático en España (I)

  6. Efectos. O cambio climático en España (II)

  7. Causas. O consumo de enerxía (I)

  8. Causas. O consumo de enerxía (II)

  9. Causas. As Centrais térmicas

  10. Causas. O transporte

  11. Solucións. Negociacións internacionais

  12. Solucións. Aforro de enerxía (I)

  13. Solucións. Aforro de enerxía (II)

  14. Enerxías renovábeis

 

Está pensada para un público amplo, cun deseño visual e unha linguaxe clara.

Se estás interesado/a en coñecer as condicións nas que se ofrece a exposición ponte en contacto connosco premendo aquí ou escribindo a info(a)verdegaia.org