thumb-norfor.jpgVerdegaia e Ecologistas en Acción consideran que a certificación de xestión forestal sustentable FSC (Forest Stewardship Council) atribuída á empresa Norte Forestal (NORFOR) é unha fraude. A auditora SGS outorgou a esta empresa do Grupo ENCE o certificado FSC para as 12.000 hectáreas de superficie forestal que xestiona en Galicia, Asturias e Cantabria a pesar de non cumprir todos os requisitos necesarios para iso. Se FSC non pon fin axiña a esta situación, Verdegaia e Ecologistas en Acción deixarán de mostrar o seu apoio á certificación forestal FSC, a única que apoian. 

SGS mantén o certificado FSC a NORFOR desde o ano 2004 a pesar de non  ter sido capaz de demostrar até hoxe que a empresa do Grupo ENCE practica unha xestión forestal acorde cos principios e criterios do sistema FSC. A falta de rigor e de profesionalidade da auditora SGS motivou unha reclamación da APDR, Greenpeace e WWF/Adena, apoiada por Verdegaia e Ecologistas en Acción, entre outras organizacións ecoloxistas. Como consecuencias dela, os Servizos de Acreditación do FSC Internacional (ASI) abriron no ano pasado unha investigación sobre a certificación de SGS a NORFOR. A conclusión desta investigación debería levar á cancelación do certificado FSC a NORFOR a curto prazo. Outro desenlace coidamos que sería nefasto para a credibilidade do sistema FSC, especialmente no Estado español, dadas as numerosas evidencias tanto de incumprimentos dos estándares FSC por NORFOR como da parcialidade do labor de auditoría realizado por SGS.

A xestión de NORFOR nos montes que posúe ou arrenda, cubertos maioritariamente con plantacións intensivas de eucalipto, está lonxe de se poder considerar sustentable segundo os estándares do sistema FSC. Entre outras razóns, por ser moi pouco transparente e aberta á participación de partes interesadas, como por exemplo asociacións de defensa ambiental; por apenas promover un aproveitamento multifuncional e multiprodutivo do monte; por  non garantir a prevención da erosión dos solos e o mantemento da súa fertilidade; por supoñer unha perda importante de diversidade biolóxica; ou por non protexer os montes con alto valor de conservación.

O nivel de esixencia ambiental do sistema FSC é maior có da lexislación, mais isto é froito sobre todo da debilidade do marco legal existente, máis que da fortaleza de FSC. Isto resulta ben evidente no caso particular do eucalipto no norte de España, cuxas plantacións se poden localizar e manexar sen apenas restricións ambientais, a pesar dos desastrosos resultados da expansión masiva e desordenada do eucalipto rexistrada  nas últimas décadas. Non é de estrañar pois que unha empresa como NORFOR poida xestionar montes provocando graves danos ambientais sen que as Administracións autonómicas de Galicia, Asturias ou Cantabria, competentes en materia de montes, fagan nada para o evitar.

Máis información:

Comentarios de Verdegaia para a auditoría de ASI-FSC a SGS (maio 2007)

Comentarios de Verdegaia para a auditoría ordinaria anual de SGS a NORFOR (novembro 2007)

Comentarios de Verdegaia para ASI-FSC sobre a auditoría ordinaria 2007 de SGS a NORFOR (marzo 2008)

Problemas en la certificación forestal (revista Ecologista 55, inverno 2007/2008)