Verdegaia vén de ter acceso ao documento de contrato de aluguer entre o concello de Ribeira e Gas Galicia, levado ao pleno do mes de xuño para a súa aprobación, e aprobado cos votos afirmativos do PP e o PSOE, a abstención do BNG e o voto negativo de IPR; comprobando que este contén irregularidades.

Así, no segundo parágrafo das CLÁUSULAS desta proposta de contrato, dise, textualmente: "Os terreos municipais arréndanse para a única fin de instalar a planta satélite de recepción, almacenamento e regasificación do gas natural licuado provisional, autorizada pola resolución de data 28 de xaneiro de 2008, da Dirección Xeral de Industria…"

A lectura desa resolución desvélanos, non obstante, que o que se autoriza é a rede de distribución primaria (é dicir, a rede de tubaxe), non a planta de gas.

A solicitude para a planta de gas someteuse a información pública en outubro do pasado ano, e de non ditarse resolución expresa á mesma unha vez transcorridos seis meses dende a solicitude, terase como desestimada concorde á lei [1].

Posto que a día de hoxe, e amplamente superados os seis meses de prazo máximo, non se ten feito pública resolución algunha ao respecto polas canles recollidas na lei, a solicitude para esta planta satélite debe terse legalmente por desestimada, e por tanto non autorizada a instalación que pretende promover Gas Galicia SDG, S.A. no concello de Ribeira.

Ademais o proxecto carece do preceptivo estudo de incidencia ambiental e polo tanto carece tamén da correspondente autorización ambiental.

Así pois, a cláusula do contrato anteriormente citada non se corresponde coa realidade, xa que a planta de gas non foi autorizada nin no DOG que se cita no contrato (28 de xaneiro de 2008), nin no prazo legalmente establecido.

Verdegaia vén de solicitar aos grupos municipais -achégase copia da carta- que actúen para paralizar e suspender a instalación ilegal desta planta, en tanto non se cumpran os requisitos legais; o que, neste momento, e dadas as circunstancias, requiriría volver a comezar o proceso de exposición pública, a menos que se queira actuar de costas á lei.

Obviamente, Verdegaia pretende alén do cumprimento da lei, que se emenden as eivas detectadas no proxecto e que foron, no seu día, obxecto de alegacións por parte da nosa Asociación. Por exemplo, a ocupación de terreos de alto valor paisaxístico e etnográfico, os riscos de accidentes, graves deficiencias de seguranza, e a perda de eficiencia enerxética e achega de gases de efecto invernadoiro derivada do transporte do gas por estrada.

 

[1]  O 17 de outubro de 2008 publicouse no DOG a resolución do 1 de Outubro de 2008 da consellaría de Industria para a información pública da solicitude de autorización e aprobación do proxecto da planta satélite de gas natural licuefacto (GNL) no concello de Ribeira, promovida por Gas Galicia SDG, S.A. Esta resolución fai referencia específica ao artº. 73 da Lei 34/1998 do Sector de Hidrocarburos, que di entre outros: "… A falta de resolución expresa das solicitudes de autorización a que se refire este artigo, terá efectos desestimatorios. …" Tamén cita o R.D. 1434/2002 polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, fornecemento e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, que estabelece no seus artigos 81.3 que "Unha vez recibidos os expedientes e informes indicados nos puntos precedentes, a D.X. resolverá sobre a autorización da instalación solicitada e notificará a resolución dentro dos seis meses dende a presentación da solicitude de autorización administrativa", no 81.4 que "A falta de resolución expresa das solicitudes de autorización terá efectos desestimatorios…", consonte co disposto no artigo 67.3 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector dos hidrocarburos, e no 81.5 que "A resolución deberá publicarse no Boletín Oficial do Estado e no Boletín Oficial das Provincias respectivas, e deberá ser notificada ao solicitante".