Verdegaia vén de interpor unha denuncia administrativa perante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia xa que o Concello de Laxe (A Coruña) vén de aterrar con entullos e terra un terreo particular que forma parte do canaval colindante coa marxe suroeste da lagoa de Traba (Laxe) destruindo unha importante porción dese canaval.

Verdegaia denuncia que o citado aterro tivo lugar nun espazo pertencente á Rede Natura 2000 por formar parte do Lugar de Importancia Comunitaria "Costa da Morte" e da Zona de Especial de Protección para as Aves "Costa da Morte – Norte".

Ademais, aproveitamos esta denuncia para pór en coñecemento da administración competente que os observatorios ornitolóxicos recentemente instalados na zona por parte do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino se atopan en estado de abandono, cos paneis explicativos arrincados, ademais de converterse en letrinas públicas, e que nos accesos a este espazo natural e á súa praia non se recolle o lixo das papeleiras existentes.

Dende a nosa asociación solicitamos que se retiren os entullos e a terra verquidos e que se repoña a situación tal e como estaba antes de realizarse o aterro, que se sancionen os responsables desta infracción, e que se tomen as medidas oportunas para que esta infracción non se volte repetir no futuro.