Súmase así á  iniciativa da PDRA de enviarlle unha carta ao presidente da Xunta de Galicia lembrándolle a responsabilidade que ten coa defensa do interese xeral de Galicia e do seu patrimonio natural. No ano 1999, cando Manuel Fraga Iribarne era presidente da Xunta de Galicia, a Consellería de Industria outorgou a licenza de actividade para a execución de “depósitos de hidrocarburos e productos químicos de Finsa e Foresa no peirao de Ferrazo”. O Concello de Vilagarcía deu a licenza municipal para a instalación destes depósitos.e a Consellería de Medio Ambiente mirou naquel momento para outro lado a pesar de que carecía dun Estudo de Impacto Ambiental, paso previo e obrigado á execución de calquera proxecto destas características.

O TSXG primeiramente, en 2006, e o T. Supremo do Estado máis tarde, declararon que "nengunha obra nen proxecto pode librarse do cumplimento da normativa ambiental”  recoñecendo que este tipo de actuacións supoñen unha ameaza ambiental constante para o conxunto da ría de Arousa e a poboación da redonda.

A pesar de todo isto, a Consellería de Medio Ambiente, presidida polo señor Agustín Hernández, iniciou hai uns meses a tramitación para a aprobación da Declaración de Impacto Ambiental a posteriori, coa obra xa rematada e en funcionamento desde hai máis de once anos. Como resposta a estas sentenzas que obrigan á paralización total da actividade e ao desmantelamento dos depósitos do Ferrazo, o actual Goberno do señor Feijoo tomou a decisión de darlle unha apariencia de legalidade a unha situación completamente ilegal.

Unha vez máis -temos moitos exemplos: Marín, Barreiros…-, a xustiza evádese á hora de velar polo cumprimento das sentenzas e, por extensión, o poder executivo que ten que facer cumprir a lei (que si é moi eficiente se se trata de facer executar desafiuzamentos de cidadanía sen recursos), prégase ante o poder económico e volve mostrar a subordinación dos órganos xudiciais e das súas sentenzas ao poder político e económico.

Non soamente non se acatan, senón que manipulan as leis ao seu antollo para legalizar, de costas á orde do máximo organismo xudicial do Estado, un proxecto duramente contestado pola cidadanía. Casos coma este amosan ben ás claras a indefensión na que se atopa o País ante as corruptelas argalladas desde a propia administración.

Verdegaia, en apoio á iniciativa da Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa, denuncia a legalización con trampas de situacións ilegais, ademais da destrución do territorio a través de leis e medidas que avalan o incumprimento de sentenzas xudiciais a respecto da protección obrigada de espazos naturais e do propio ordenamento territorial.

Así mesmo, esiximos que a clase política galega acate o ordenamento xurídico e as leis que incluso ela mesma fai e que non actúe co territorio como se se tratara dunha finca privada ao servizo de intereses particulares, senón que garde os intereses xerais, como é a súa obriga.

 doc carta-presidente_da_xunta