Demanda o cese dos recheos e drenaxes que se están a efectuar nunha braña de Papoi (Ferrol). Ademáis, reivindica a protección dos vales fluviais por onde pasa o Regato de San Xurxo e regos tributarios.

O núcleo comarcal de Verdegaia quere denunciar públicamente a absoluta tolerancia coas agresións ambientais aos ecosistemas fluviais do rural ferrolán por parte de organismos como Augas de Galicia, cuxa función é velar pola salvagarda do Dominio Público Hidráulico (en diante D.P.H.) e o Concello de Ferrol, que tamén debe velar polo interese xeral.

O caso máis recente e sangrante é o dos recheos e obras de drenaxe que se están efectuando nunha braña existente no lugar de Papoi, parroquia de Marmancón (Ferrol) e que, pese as denuncias de Verdegaia, finalmente foron legalizados pese a non axustarse a dereito.

As zonas húmidas e anegabeis como o caso que nos ocupa, ao igual que os cauces fluviais, están considerados pola normativa en materia de Augas como D.P.H. Neste ámbito proíbense con carácter xeral “(…) Acumular residuos sólidos, escombros o sustancias, cualquiera que sea su naturaleza y el lugar en que se depositen, que constituyan o puedan constituir un peligro de contaminación de las augas o de degradación de su entorno” (art. 234 do R.D. 849/1986 do 11 de abril, modificado polo R.D. 606/2003, do 23 de maio), entre outras restricións. Non obstante, á hora de resolver o expediente relacionado coas obras de recheo e drenaxe da braña de Papoi, Augas de Galicia considera (de xeito intencionado) que se están efectuando na Zona de Policía; ámbito onde as restricións son moito máis flexibeis.

As chairas aluviais como o val de Papoi, anegadas polo Regato de San Xurxo e regos tributarios, son ecosistemas esenciais para a migración, a distribución xeográfica e o intercambio xenético das especies silvestres ao actuaren como corredores naturais entre áreas antropizadas. Asimesmo, o seu valor paisaxítico é notabel; eis as razón polas que Verdegaia propuxo incluir na Rede Natura 2000 a totalidade dos vales fluviais polos que discorre o Regato de San Xurxo e regos tributarios como ampliación do LIC Costa Ártabra (ao abeiro do artigo 10 da Directiva 92/43/CEE de “Hábitats”).

Foi a rede viaria da concentración parcelaria a que degradou e fraccionou inicialmente parte deste ecosistema. Trala repartición das novas parcelas moitos/as proprietarios/as abandoaron os usos tradicionais (sega de herba e pastoreo) para rechear e desecar os novos predios delimitados sobre zonas húmidas, constituidas polo Regato de San Xurxo e regos tributarios (brañas, lameiros, etc.), co beneplácito de Augas de Galicia e do Concello de Ferrol, ante a posibilidade de que se recalifiquen como urbanizabeis no futuro.

No caso de Papoi, Verdegaia solicitou novamente a Augas de Galicia o cese inmediato dos recheos e obras de drenaxe que están a afectar á braña existente nese lugar, ademáis de pedir que se revogue a autorización concedida por non axustarse a dereito. Asimesmo, demandamos que se rexeite calquera outra solicitude de autorización para rechear ou drenar os predios localizados en terreos hidromorfos.