A asociación ecoloxista Verdegaia denuncia que no monte en Mancomún denominado O Mato, situado na parroquia de Boado, no concello de Xinzo de Limia estanse a repartir terreos pertencentes a dito monte, o cal vai contra a lei, xa que o monte en mancomún é indivisíbel.

Así mesmo, nesta zona estase a aumentar a superficie de cultivo a costa da tala indiscriminada de bosque autóctono (freixos, carballos, bidueiros e, sobre todo, acivro), estas talas comezaron sen permiso, polo que o Seprona  xa as multou con 100 €, pero rapidamente conseguiron un permiso “exprés”.

Verdegaia tamén denuncia a tala de vexetación de ribeira no regato da Veiga, así como a modificación do cauce do mesmo coa terra sacada na preparación dos novos terreos de cultivo, tanto dunha beira do río (Boado, Xinzo de Limia), como da outra beira, que pertence a outro concello. Dende Verdegaia, preguntámonos se estas actuacións teñen que ver coa declaración de zona ZEPA e se realmente se pode crer que, despois dunha denuncia ante o Seprona, tanto os membros do goberno do Concello como a oposición, non saiban nada deste asunto.