Verdegaia denuncia a celebración dunha batida de caza de porco bravo (Sus scrofa) nas areeiras de Sandiás, nunha zona declarada Refuxio de Fauna segundo contempla a orde  anual pola que se determinan as épocas hábiles de caza durante a tempada 2009-2010,  amais de estar incluída na Zona Periférica de Protección (ZPP) da ZEPA "A Limia", declarada o pasado outono pola Consellaría de Medio Rural segundo o Decreto 411/2009, do 12 de novembro, polo que se declara zona de especial protección para as aves. A batida é a primeira medida que a administración vén de tomar no espazo protexido.

A orde pola que se determinan as épocas hábiles de caza durante a tempada 2009-2010 regula tanto os períodos hábiles de caza, como as especies sobre as que se pode exercer esta, os métodos autorizados para a súa práctica e as limitacións xerais ou particulares que afectarán o exercicio da actividade cinexética no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2009-2010. Así mesmo, prohíbe o exercicio de toda clase de caza nos seguintes lugares:

  1. Encoro de Castrelo de Miño (Ribadavia, Castrelo de Miño e Cenlle).
  2. Parque Natural do Invernadeiro (Vilariño de Conso).
  3. Predio de Salgueiros, pertencente ó Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés (Muíños).
  4. Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
  5. Zona de influencia de explotación de áridos da comarca da Limia (Sandiás).
  6. Predios da Edreira e As Nabuíñas (Laza).
  7. Zona de reserva integral do Parque Natural da Serra da Enciña de Lastra.

A batida realizouse como medida para paliar os danos causados polo porco bravo na estrada OU-531 Xinzo da Limia-Celanova onde se atropelaron animais, feitos que consideramos que en ningún caso xustifican a súa celebración xa que por ser refuxio de fauna é a propia Administración a que asume os danos ocasionados non xerando ningún perxuicio ao TECOR correspondente. Ademais, realizouse na ZPP da ZEPA.que segundo di o artigo 5º.- do Decreto 411/2009, do 12 de novembro, polo que se declara a zona de especial proteción para as aves da Limia está destinada a minimizar impactos sobre os hábitats das especies mediante a aplicación e o fomento de medidas agroambientais e prácticas orientadoras que favorezan a súa conservación.

Como se pode entender, a celebración dunha batida para paliar os danos causados polo porco bravo nunha estrada non constitúe ningunha medida encamiñada a minimizar impactos sobre os hábitats das especies senón todo o contrario, constituíndose deste xeito unha situación absurda e que vulnera o citado Decreto; os feitos son máis absurdos se se analiza o feito de que é a mesma administración, a Consellaría de Medio Rural, a que primeiro decreta unha norma que logo contradí e nun periodo de tempo inferior a dous meses.

Por último e segundo a Lei e o Regulamento de caza en Galicia, prohíbense ou limítanse entre outros aspectos "O exercicio da caza nos lugares declarados como refuxios de fauna, sen prexuízo de que por circunstancias especiais suficientemente xustificadas a Consellería do Medio Rural acorde a súa autorización para especies determinadas". Consideramos que con esta práctica autorizada pola Consellaría de Medio Rural se tende a alterar e alarmar, así como a espantar a caza existente tanto no refuxio como nos terreos alleos. Así mesmo, a modalidade cinexética autorizada é unha práctica  non selectiva xa que ao empregar un número tan elevado de cans para batir, aféctase a todas as especies alí presentes.

Comunicar que non é de maior relevancia nen interese coñecer os resultados nen as capturas realizadas, senón denunciar a época e o lugar onde se acometeu dita actividade. Ademais e dende a nosa asociación, denunciamos tamén que esta sexa a primeira actuación que tramite a Consellaría neste espazo protexido onde urxe tomar medidas de restauración ambiental. Cómpre lembrar que a declaración dun espazo natural como ZEPA conleva a súa inclusión directa na Rede Natura 2000, tal como establece a Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e implica o compromiso de establecer medidas de conservación adecuadas para evitar o deterioro dos seus hábitats, así como as perturbacións que poidan afectar significativamente as aves. Estas medidas poderán establecerse mediante plans de xestión específicos ou ben integradas en outros instrumentos de planificación. Así mesmo, o "Proxecto de recuperación das areeiras da Limia" que se iniciou hai anos vense desenvolvendo moi lentamente e na zona estanse a repetir impunemente verquidos ilegais, deterioro de instalacións como observatorios de aves que nalgún caso presentan un aspecto lamentable, molestias á fauna pola circulación de quads e motos, furtivismo por falta de vixiancia…

Por todos estes motivos Verdegaia solicita que se dean explicacións públicas e se xustifique en base a qué aspectos se autorizou esta batida e que dende a administración se comece a traballar na toma de decisións que garantan a axeitada conservación da ZEPA "A Limia".