incendios_agosto_2006.jpgGalicia atópase agora mesmo en alerta por altas temperaturas ás que, en moitos puntos do territorio se lles engadirán ventos fortes. Unha vaga de incendios forestais está a asolar o territorio galego e o goberno atópase co dispositivo mínimo previsto para estes casos. O Plan de incendios forestais de Galicia, aínda recentemente aprobado e distintos documentos de xestión e coordinación sobre lumes forestais fan certas recomendacións e protocolizan actuacións que a Consellería de Medio rural raramente asume.

Primeiramente, a Xunta de Galicia distribúe dun xeito precipitado, e rara vez coa suficiente antelación, os medios humanos necesarios para a extinción. Isto provoca que, en moitas ocasións e no caso actual, se declare unha vaga de incendios forestais e teña que botar man de medios procedentes do Ministerio e doutras Comunidades Autónomas. Ademais, faise sen alterar o nivel de alerta neses lumes.

A esta falta de planificación, debemos engadirlle unha falta de respecto de Samuel Juárez, o conselleiro de Medio Rural, ao relacionar as contratacións coa intencionalidade dos lumes forestais. Entendemos que o conselleiro quere afastar as súas responsabilidades intentando esquecer a responsabilidade do goberno galego nos incendios forestais relacionada con longas políticas de eucaliptización masiva, coa inexistente conciliación de intereses entre conservación e os distintos aproveitamentos, coa escaseza de consenso no mundo forestal, co inefectivo resultado nas súas políticas de ordenación do territorio e coa falta de cumprimento das súas propias leis.

Non entendemos tampouco como a comunidade autónoma con maior número de focos e de superficie media queimada de todo o Estado (e tamén do ámbito europeo) non dispón dun maior número de medios profesionais ao longo do ano para unha verdadeira política de prevención de incendios.

Por outro lado, queremos denunciar o dilapidación económica que supón a contratación de medios aéreos sen persoal e sen despacho automático que na teoría se recomenda en diversos instrumentos de planificación forestal e na práctica non levan a cabo na maioría dos distritos forestais que posúen bases helitransportadas. Esiximos rigorosidade nas contratacións de persoal de prevención e extinción, non puidendo subordinarse só ás condicións meteorolóxicas.

Existen numerosos traballos que o goberno da Xunta de Galicia ten a obriga de realizar e que poderían levarse a cabo cunha mellor planificación do traballo de prevención e extinción. Entre eles, podemos destacar o control da Acacia e doutras especies invasoras, a aplicación da lei de incendios en pistas e lugares de dominio público ou mesmo a adecuación de sendeiros e de bens de interese cultural.

A Medio Rural non lle faltan traballos que acometer, pero si escasea responsabilidade nas declaracións do seu Conselleiro, así como unha falta de dilixencia á hora de facer efectivas as políticas de prevención de incendios e de xestión forestal sustentable.

No que vai de ano, máis de 7.000 hectáreas arderon en Galicia. Porén, Medio Rural apóiase nas definicións de lume forestal, queima de matogueira e conato expresadas no Pladiga para xustificar o seu escurantismo informativo sobre a superficie queimada e o número de focos diarios, e non informa dos lumes inferiores a 20 hectáreas nin dá conta dos que non superan unha hectárea.