Verdegaia pide ás forzas políticas que sustentan o actual Glume_forestal.jpgoberno, BNG e PSdG-PSOE, que inicien o diálogo e a negociación para acadar o que tantas veces reclamaron desde a oposición: un amplo pacto social e político contra os lumes forestais. De non mudar a liña política que está a seguir o Goberno bipartito, parece máis fácil que éste chegue a un acordo co PP que coas organizacións sociais máis progresistas.

Verdegaia considera desacertadas as declaracións feitas onte polo presidente da Xunta, quen reclamou menos atención informativa para os lumes para “non excitar aos incendiarios”. Como ficou demostrado en anos anteriores, a ocultación informativa ou a minimización da gravidade do problema dos lumes non fai nada pola diminución do número de lumes. Sen embargo, si contribúe a rebaixar a conciencia social e política sobre a necesidade de facer un grande esforzo para a súa prevención e extinción.

As declaracións de Emilio Pérez Touriño lémbrannos outras do Goberno anterior. Como tamén as manifestacións realizadas polo vicepresidente Anxo Quintana no 18 de xullo, facendo fincapé na persecución policial e xudicial dos incendiarios. Mentres tanto, o Goberno bipartito non amosou até agora un compromiso forte coa xestión sustentábel do monte onde importa facelo, no Orzamento. Un exemplo: a partida consignada este ano para axudas ao sector privado en materia de prevención de incendios é de 1.200.000 euros, o que equivale ao investimento nas obras de mellora de dous quilómetros dunha estrada autonómica que vén de licitar a Xunta. Non se trata de investir máis en prevención á custa da extinción, cuxo gasto é preciso manter, senón, por exemplo, de investir máis no monte e menos en asfalto.

A falta de diálogo e de participación social na política forestal e de loita contra os incendios segue a ser notábel. A Consellería de Medio Rural aínda non reformou o Consello Forestal de Galicia herdado do Goberno anterior e non tentou consensuar nel o Plano INFOGA 2006. A aposta deste plano pola prevención é máis propagandística que real. Os convenios de desbroce asinados incidirán tan só sobre 14.000 ha (5.000 máis que en 2005, fronte a unha superficie de especial risco de incendios de 391.549 ha).

O decreto de prevención de incendios da Consellería de Medio Rural tamén presenta carencias importantes, coma permitir o uso do lume en áreas recreativas (cando moitas son pouco seguras por falta de coidados), non impedir a circulación de vehículos a motor non relacionados con labores agroforestais polos montes, ou non restrinxir máis os usos urbanísticos en montes queimados. Unha análise comparativa dos decretos autonómicos realizada por Ecologistas en Acción non sitúa a Galicia entre as comunidades autónomas que adoptaron medidas máis rigorosas. Ademais, é notoria a falta de medios humanos (axentes forestais, SEPRONA,…) para controlar no terreo a aplicación do decreto.