“O próximo día 17 de Maio celebrarase unha Ruta de Turismo en 4×4 que transcorrirá polo concello de Nogueira de Ramuín. Trátase dunha travesía para vehículos todo-terreo non competitiva de carácter lúdico-turístico no máis estricto respeto á natureza e cara aos demais usuarios dos nosos montes.” Este é o anuncio tirado da páxina web do Concello de Nogueira de Ramuín no que se anunciaba a I Ruta de Turismo 4×4.

Como se pode comprobar, a filosofía é que é respectuosa coa natureza e cara aos demais usuarios dos montes.

Verdegaia xa se ten manifestado moitas veces en contra deste tipo de lecer, xa que o feito de meter un monte de coches en xeral e especialmente os 4×4 no monte, non pode ser en ningún momento respectuoso cos outros usuarios e especialmente cos seus habitantes (todo tipo de animais, paseantes, ciclistas…).

Hai pouco, Verdegaia publicou unha tradución do estudo sobre os 4×4 en especial, pero sobre o emprego dos vehículos privados en xeral, de Ecologistas en Acción. Nel a conclusión é rotunda: os 4×4 son os coches máis destrutivos, agresivos e contaminantes para a natureza, para o resto dos usuarios e, sobre todo, para todo tipo de animal non humano.

Pretender que un feixe de 4×4 andando polo medio do monte, aínda que sexa por pistas forestais e camiños, pode ser respectuoso é burlarse da intelixencia humana e do sentido común.

En primeiro lugar, a propia tipoloxía dos 4×4 fai que o seu paso por certos lugares teña como consecuencia primeira a total degradación do lugar (os camiños, especialmente se chove algo), xa que as súas rodas destrozan o calcado do camiño alá por onde pasan, tanto pola súa forma como polo peso do vehículo.

En segundo lugar, todos os vehículos de motor provocan contaminación acústica, pero no caso dos 4×4, debido á potencia dos motores,  aquela é maior.

En terceiro lugar, o destrozo do seu paso afecta ás persoas que van ó monte para traballar as súas terras (tractores, en burro, andando…) e tamén á xente que vai pasear ou andar en bicicleta sen molestar a  ninguén e, por suposto, sen xerar ruído e contaminación, xa que andar cunha bicicleta ou andar por un camiño despois do paso dos 4×4 se fai bastante complicado e ó mesmo tempo que eles, completamente imposible.

En cuarto lugar, o gasto de combustible e a contaminación atmosférica é brutal, xa que non é un paseo normal, senón unha demostración de potencia das máquinas que salvan desniveis e son capaces de subir pendentes moi pronunciadas. Calquera persoa que saiba algo de coches sabe que nestas circunstancias é cando máis combustible queima un coche, co consecuente gasto e contaminación.

En quinto lugar, o simple paso dun grupo de persoas fai que os animais marchen momentaneamente, pero o paso de decenas de 4×4 supón un estrés brutal para un animal.

En resumo: non hai nada de respectuoso cara á natureza nin cara a ningún tipo de usuario nin habitante neste tipo de actividades.

Verdegaia reclama que non se fagan este tipo de prácticas en nome do turismo e do deporte e, sobre todo, que se se fan non se intente vendelas como respectuosas ó medio ambiente. Os camiños son de todo o mundo por definición e hai moitos usuarios que non os destrozan nin molestan no seu paso. Este tipo de actividades, caso de facerse, deben ter un circuíto pechado e illado para non molestar ó resto da xente que viva na zona nin ós animais das zonas forestais.