En relación co proceso de demolición do estabelecemento denominado "Café-bar Ortega" no areal de Doniños, promovido pola Demarcación de Costas en Galicia, valoramos moi positivamente esta actuación, dado que se pretende recuperar o Dominio Público Marítimo-Terrestre para o desfrute de todos/as. Demandamos ademais que se derruben as edificacións ilegais existentes nas parroquias ferrolás de San Xurxo e de Covas á vez que os entullos procedentes das demolicións de Doniños se xestionen debidamente.

Aínda que lamentamos que se teña que recurrir á forza pública para levar a cabo o derrubamento dun estabelecemento cuxa ilegalidade quedou suficientemente acreditada, resulta un descaro, por parte dos infractores, que veñan agora facéndose as vítimas despois de estar moitos anos sacándolle un beneficio económico a dito estabelecemento hosteleiro a expensas de usurpar un dominio público.

Tamén valoramos moi positivamente o derrubamento da galería de tiro construída nas inmediacións da Lagoa de Doniños. De feito, dita instalación militar suscitou unha forte oposición cidadá cando se iniciou a súa construción, hai aproximadamente unha década, debido ao seu impacto ambiental. Agora, coa supresión desta instalación, tamén se fixo xustiza.

O "Café-bar Ortega" en Doniños non é a única edificación ilegal existente na costa ferrolá. Na parroquia de San Xurxo; concretamente no lugar de Vila da Area, existen unha serie de galpóns e de chaletes ilegais ocupando a zona de servidume de protección de costas. Estas edificacións ilegais son utilizados como segundas vivendas durante a estiaxe. Máis alarmante resulta todavía as ducias de chaletes e de galpóns que se amorean no lugar do Vilar, na parroquia de Covas, construídos ilegalmente na zona de protección de costas e sen ningún tipo de licenza municipal. Pese a que desde hai anos vense reivindicando infructuosamente a demolición de todas estas edificacións, nin o Concello de Ferrol nin a Xunta de Galicia (con competencia exclusiva na zona de servidume de protección de costas) iniciaron os correspondentes expedientes de derrubamento. Nos proxectos de restauración e ordeamento ambiental contemplados para as praias de San Xurxo, O Vilar, A Fragata, Esmelle, etc., deberían incluírse a demolición de todas as edificacións ilegais existentes nos 100 primeiros metros da zona de protección de costas; zona, por certo, que na actualidade forma parte da Rede Natura. Non se pode pretender recuperar o litoral se non se leva a cabo a demolición de todas aquelas edificacións ilegais que degradan e afean a paisaxe costeira.

En canto a reutilización dos entullos procedentes das demolicións, manifestámonos contrarios a que se empreguen no pavimentado dos camiños de aceso ás instalacións militares do Cabo Prior (Covas) ou das pistas da concentración parcelaria, pois fomentaríase o acceso indiscriminado de vehículos motorizados a zonas ambientalmente sensíbeis da costa, co conseguinte deterioro. Sobre este asunto, Verdegaia ven de poñerse en contacto con Carlos Gil, un dos máximos responsábeis da Demarcación de Costas, para expoñerlle os inconvenientes que presentaría o emprego de entullos nesas zonas, suxeríndolle que sexan xestionados nas instalacions que a empresa Recinor ten en Catabois ou aproveitados nas obras de pavimentación do acceso terrestre ao Porto Exterior de Ferrol, por exemplo.

Por outra banda, a respecto do vehículo abandonado nos cantís do Cabo Prior (Covas) e dos entullos de obra estrados nas inmediacións do faro existente, denunciados por Verdegaia a semana pasada,  a día de hoxe constatamos que o vehículo segue no mesmo lugar e que os resíduos de obra foron retirados parcialmente cunha máquina escavadora, en vez de facelo de forma manual. Como resultado, alterouse parte do terreo até o punto de eliminarse algún dos afloramentos rochosos de orixe natural existentes na contorna do faro. Ademáis, soterrouse unha liña eléctrica entre o faro e o transformador máis próximo a través dunha zona agreste, constituída por comunidades vexetais de interese comunitario, en vez de aproveitar os camiños xa existentes. Tras coñecer os feitos, Verdegaia púxose en contacto telefónico coa Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao para queixarse da forma de proceder e pedir unha maior sensibilidade á hora de levar a cabo as obras de rehabilitación do faro nesta zona, lembrándolle que o Cabo Prior forma parte da Rede Natura.