Verdegaia conmemorará o aniversario do catastrófico verquido que arrasou a vida acuática do río Lagares o pasado seis de setembro de 2008 a consecuencia do incendio que se rexistrou nunha nave industrial do polígono do Gorxal na parroquia de Cabral o vindeiro  día seis de setembro coa colocación dunha mesa informativa na ponte de pedra do Parque de Castrelos. Nesa mesa exporase información sobre a flora e fauna que habita no Lagares, amosaranse as peticións de Verdegaia ante a cidadanía en xeral e habilitaranse follas en branco para que cada cidadán poda enviarlle a mensaxe que desexe ó Director Xeral de Conservación da Naturaza ó que lle serán enviadas por rexistro.

Ademais, Verdegaia vén de apresentar un escrito á Dirección Xeral de Conservación da Natureza pertencente á Consellaría de Medio Rural como xa fixo o ano pasado onde solicita que se recupere ambientalmente o ecosistema ribeireño do río Lagares despois de que a situación actual do curso fluvial non trocase moito dende que se rexistrou xa fai case un ano o catastrófico verquido de lixivias, deterxentes e alcohois procedentes da nave citada ó non terse levado a cabo ningún tipo de actuación de recuperación ambiental no río.

Tras asistir a unha nefasta xestión da desfeita que non tivo absolutamente nada en conta o ecosistema fluvial e a vida no río permitindo que os productos químicos verquidos chegasen ó Lagares e mesmo ó mar arrasando con toda a vida ribeireña que atopaban ó seu paso, e despois de escoitar declaracións de responsables de diferentes administracións dicindo que o río se recuperaría so ou que non se ía facer nada máis que limpar o lixo do río e de facer que as empresas legalizasen a súa situación de verquido, dende Verdegaia solicitamos que se realice a recuperación ambiental do río Lagares e dos seus afluíntes dende o seu nacemento ate a súa desembocadura. 

Para conquerir este fin solicitamos que se tomen as seguintes medidas: 

A) Que se detecten e paralicen tódalas actividades ilegais que se están a cometer: verquidos líquidos dende empresas e casas, limpezas de depósitos de empresas as fins de semán, verquidos de entullos,…

B) Que se faga unha limpeza exhaustiva dos R.S.U. existentes.

C) Que se retire do cauce do río Lagares o formigón e a louza existentes nalgúns dos seus treitos.

D) Que se libere a zona de servidume de paso para uso público que constitúe cinco metros a cada marxe do curso fluvial e que non se permitan máis ocupacións na zona de policía que abrangue os cen metros a cada lado do cauce.

E) Que se restaure o ecosistema fluvial do río Lagares e dos seus afluíntes dende o nacemento ate a desembocadura do río atendendo só a criterios ecolóxicos e de reestablecemento do equilibrio natural entre os diferentes compoñentes do ecosistema do río para que a fauna e a flora autóctonas podan voltar a habitar neste espazo natural e nunca atendendo a criterios político-propagandísticos ou doutra índole similar. 

F) Que se retire a flora e fauna invasoras que habitan no río e nos seus afluíntes.

G) Que se depuren responsabilidades políticas e xudiciais desta lamentable catástrofe ecolóxica e da situacións ilegais que se rexistran diariamente.

H) Que se investigue a situación legal de verquido de todas e cada unha das empresas próximas ó río Lagares e ós seus afluíntes no tocante a cumpimento de ordenanzas, regulamentos e demais obrigas legais.

I) Que ó mesmo tempo que se investiga se inicie de inmediato un proceso sancionador ás empresas que se atopan en situación ilegal

Vergaia pondrá unha mesa informativa dende e 12 a 14 horas, na ponte de pedra de Castrelos.