riegoManifesta publicamente a súa disconformidade coas declaracións realizadas polo concelleiro responsábel de Parques e Xardíns de Santiago de Compostela. Bernardino Rama afirmou que non é necesario adoptar medidas de aforro de auga en Compostela xa que este Concello “posee mananciais moi abundantes e o Tambre é moi caudaloso".

Segundo o Observatorio Ramón María Aller, Santiago de Compostela está a padecer o verán máis seco dos últimos vinteoito anos, existindo serios problemas de abastecimento de auga para agricultura, gandería e extinción de incendios forestais. Neste contexto, o concelleiro Bernardino Rama fixo unhas declaracións recollidas onte na prensa escrita, nas que aseguraba que “non vai haber problemas de agua”, animando á cidadanía a se despreocupar polo seu consumo e descartando o aforro de auga na rega de parques e xardíns.

A asociación ecoloxista Verdegaia considera irresponsábeis e preocupantes as declaracións de Bernardino Rama, e solicita ao goberno municipal que desenvolva medidas de aforro e eficiencia no uso da auga. Que Compostela non corra risco de sufrir desabastecimento non quere dicir que deba desbaldir auga.

Auga potábel: un ben mui escaso e valioso.

  • Por mui caudaloso que sexa un río, ten as súas funcións biolóxicas ao longo de todo o seu percorrido, polo que non o podemos ver como unha simple fonte de auga para o noso consumo.
  • Os acuíferos, ao igual que os ríos, non son fontes inesgotábeis de auga, polo que deben ser xestionados con prudencia, e máis en tempos de seca e cambio climático como os que estamos a padecer.
  • A potabilización de auga é un proceso economicamente mui custoso e que implica un elevado consumo enerxético.
  • A EDAR da Silvouta é incapaz de depurar a totalidade das augas residuais de Compostela desde hai anos, vertendo directamente ao río Sar máis da metade das que recebe, mesmo en época de seca.

Todos estas son razóns de peso para asumir unha nova cultura da auga. O Concello de Santiago debe desenvolver políticas de aforro e eficiencia no uso da auga e animar á cidadanía a que así o faga tamén. Na capital de Galiza é demasiado habitual contemplar como parques e xardíns son regados nas horas centrais do día e con auga potábel, a situación é aínda máis grave se temos en conta que, en non poucas ocasións, o que se está a regar é a rúa, e non as zonas verdes. Estes maus exemplos e declaracións como as de Bernardino Rama botan por terra os esforzos feitos en educación ambiental e sensibilización cidadá para un consumo responsábel da auga.