Roteirríos Río Limia 2013O vindeiro sábado 26 de outubro Verdegaia colaborará no programa de ADEGA Roteirríos guiando un roteiro por varios dos ecosistemas dulceacuícolas da bisbarra ourensá da Limia.

A xornada comezará ás 10:30 h. no punto de encontro da estación de autobuses de Xinzo da Limia dende onde nos desprazaremos até o Lugar de Importancia Comunitaria “Veigas de Ponteliñares” polo que camiñaremos durante toda a mañá: sebes centenarias, brañas, veigas, especies de interese, unha paisaxe agraria tradicional,… acompañarannos durante esta parte do percorrido que tamén discorrerá polo sector occidental da Z.E.P.A. “A Limia”.

Ó meiodía xantaremos baixo a Carballa da Rocha, carballo (Quercus robur) de perto de seiscentos anos de idade que esgota os nosos calificativos de loubanza á súa beleza, pola súa feliz historia,… e único Monumento Natural limiao.

Xa pola tarde visitaremos as areeiras de Sandiás onde se está a desenvolver un proxecto de restauración que avalía o efecto da introducción de illas flotantes artificiais na comunidade de aves acuáticas desta área que se engloba na Zona Periférica de Protección da Z.E.P.A. “A Limia”.

A actividade será guiada por Diego R. Vieites, Coordenador Xeral e Responsable da Área de Biodiversidade da nosa asociación.

Para máis información: Diego R. Vieites (670 784 919). Para inscripcións: Ramsés (616 238 050).