sossanidade.jpgRaro é o día que non sabemos dun novo problema que xurde na Sanidade Pública. A tarxeta sanitaria é retirada ás persoas en situacións de maior desprotección, os medicamentos son substituídos por outros que teñen efectos secundarios, algúns hospitais carecen de medios funxibles, recórtase o persoal dos centros sanitarios, as esperas son máis longas mais a Administración agacha estas estatísticas, etc.

A Plataforma SOS Sanidade Pública da que fai parte Verdegaia, convida a toda a cidadanía a unha concentración de protesta fronte o Parlamento de Galicia contra dos recortes e privatizacións da Xunta de Galicia nas diferentes áreas da sanidade pública galega hoxe día 21 de decembro a partir das 17 horas.

A saúde, a educación, a atención social, a cultura… son dereitos do conxunto da sociedade e non poden ser privativas só de aquelas persoas que teñan recursos para pagalas. A crise non pode servir de escusa para destruír a cohesión social, e os investimentos en sanidade deben ser garantidos para que todas as persoas que vivan en Galiza teñan dereito a unha sanidade pública, gratuíta e de calidade.

A partir de hoxe vanse debater os orzamentos do vindeiro ano no Parlamento de Galiza. É importante que saiban cal é o mandado da cidadanía, e por iso imos concentrarnos pacificamente fronte ao Parlamento Galego.