A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade puxo en marcha o pasado día 9 o servizo “Voluntari@s contra o Lume”. A asociación ecoloxista galega Verdegaia demanda da Xunta de Galiza o non desvirtuamento do voluntariado e esíxelle coerencia na demanda de apoio e colaboración por parte da cidadanía.

O pasado 9 de Agosto a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade puxo en marcha o programa “Voluntari@s contra o Lume”, que anima á cidadanía a participar en actividades voluntarias en tres campos: vixilancia de incendios forestais (alerta en zonas aínda non afectadas), apoio á extinción de lumes (en labores de intendencia) e recuperación de superficies queimadas (repoboacións). A asociación ecoloxista Verdegaia entende que este é un modo intelixente de canalizar a ansiedade e impotencia cidadá perante a actual vaga de incendios, e valora como lóxico e positivo que a Xunta de Galiza sexa quen coordene este voluntariado de urxencia en apoio á luita contra os lumes forestais.

Voluntariado crítico e transformador

A excepción provocada pola emerxencia non se debe transformar en norma, e por este motivo Verdegaia demanda da Xunta de Galiza que non desvirtúe o voluntariado. Verdegaia acredita no voluntariado como fenómeno surxido da cidadanía e xerido polas organizacións desta, con ánimo crítico e transformador. Os gobernos poden apoiar de diversos modos as iniciativas de voluntariado, mais este desvirtúase cando pasa a ser xerido directamente polas administracións públicas e/ou para apoio acrítico ao labor destas, mesmo aforrándolles diñeiro e ocupando o que deberían ser postos de traballo.

Na opinión de Verdegaia, os labores de recuperación de superficies queimadas, ao igual que os de xestión forestal para a prevención de incendios, deben ser realizados por profisionais contratad@s e propietari@s de montes, se ben tamén cabe neste ámbito o desenvolvimento de programas de voluntariado ambiental forestal. Xa que logo, Verdegaia entende que non é desexábel un grande programa de voluntariado para a recuperación de montes queimados –ou labores de prevención como as rozas– organizado pola Administración Pública, pero si cré necesario que esta dea apoio a iniciativas cidadás de voluntariado forestal, programas de educación ambiental através dos cais recuperar e coidar lugares concretos, ademais de formar e sensibilizar para coñecer, aprezar e defender os montes. De feito, Verdegaia ten programadas actividades deste tipo no seu Plano de Traballo, aprobado na Asemblea Constituínte de 2 de Abril de 2006.

Coerencia na demanda de participación cidadá

Verdegaia esixe á Xunta coerencia nas súas demandas de apoio e participación por parte da cidadanía. Non é de recibo que o goberno galego se lembre agora da cidadanía e non o fixese, incumprindo as súas promesas, para deseñar a política forestal. Sería, polo demais, intolerábel que a Xunta, despois de organizar voluntari@s contra os lumes, mantivese a mesma xestión forestal insustentábel e continuísta que ano tras ano coloca a Galiza á cabeza de Europa en hectáreas de monte incendiadas.

Nestes momentos Verdegaia está a organizar grupos de voluntari@s para a vixilancia dos montes a pé e en bicicleta en Ourense (através do Comité de Defensa do Monte Galego), Vigo, Ferrol e Compostela, co fin de disuadir a quen queiman o monte e detectar incendios de modo temperán.