O pasado 3 de febreiro, a SGEA entregou ás Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural, Educación e Presidencia o Manifesto en Defensa da Educación Ambiental en Galicia, co apoio de máis de 700 persoas e entidades, entre as que figura Verdegaia. Esta campaña comezou o 1 de decembro de 2010 , no que a Sociedade Galega de Educación Ambiental deu a coñecer o manifesto “NON Á DESAPARICIÓN DA EDUCACIÓN AMBIENTAL EN GALICIA” (http://www.sgea.org/manifesto.php). Este documento, que fai repaso da preocupante situación da Educación Ambiental na nosa comunidade e recolle as propostas e peticións do sector, foi remitido a colectivos, empresas e particulares ao tempo que era pendurado na páxina web da SGEA

Mais o noso traballo non remata aquí.

A Xunta de Galicia, como órgano de goberno autonómico, é a administración con competencias en Educación Ambiental na nosa comunidade. Máis concretamente, son as Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Medio Rural e Educación, as que, directa ou indirectamente teñen a responsabilidade de desenvolver as iniciativas, programas e proxectos de Educación Ambiental en Galicia; e como consecuencia, son tamén as responsábeis da súa precaria situación.

A SGEA é unha entidade sen ánimo de lucro que recolle entre os seus fins a creación e o mantemento de vías de conexión coas administracións públicas. Con este espírito construtivo queremos agora facer chegar ás citadas administracións e ao Presidente da Xunta de Galicia o manifesto e a vontade de traballar conxuntamente na mellora da situación da Educación Ambiental en Galicia.

Tal e como xa manifestamos en numerosas ocasións, asumimos que a actual situación económica dificulta o investimento de recursos en calquera sector; porén, ante a actual crise ambiental (moito máis preocupante que a económica…) nunca coma nestes momentos resulta máis transcendente, imperioso e necesario fortalecer e potenciar os instrumentos sociais e a Educación Ambiental.

Confiemos en que, a pesar das numerosas agresións ao medio das que en boa medida son responsables as administracións públicas, os seus gobernos escoite a preocupación da sociedade pola posta en marcha dos instrumentos educativos e de intervención social necesarios para a construción dunha sociedade máis xusta, responsable e respectuosa co medio ambiente.