Verdegaia amosa publicamente, máis unha vez, o seu apoio ás reclamacións do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e denuncia o apoio cego que, por riba de toda legalidade, as autoridades públicas están a dar á empresa REGANOSA. Rexeitamos e denunciamos as actuacións policiais, esiximos a demisión do Delegado do Goberno en Galiza, reclamamos a posta en liberdade do Patrón Maior e chamamos á participación na concentración do vindeiro 3 de Xuño.

Por segunda vez en vinte días, un buque gaseiro acedeu á planta regasificadora de REGANOSA para realizar descargas de proba, incumprindo a legalidade e ignorando unha oposición cidadá que só pudo ser superada co exercicio da coacción e a forza por parte de Policía e Guardia Civil.

A Delegación do Goberno estatal en Galiza (ao igual que a Autoridade Portuaria ou a Xunta de Galiza), no lugar de defender a legalidade vixente e o sentido común púxose ao servizo dunha empresa e os seus intereses particulares. O esaxerado despregamento policial, as desproporcionadas cargas contra manifestantes, a detención do patrón maior, Bernardo Bastida, e o ingreso en prisión sen fianza deste, semellan ter unha clara intención, ademais de permitir descargas de gas concretas e garantir o funcionamento ilegal de REGANOSA. A Delegación do Goberno pretende intimidar e dividir á cidadanía que rexeita a ubicación da regasificadora no corazón da Ría de Ferrol.

A oposición á actual ubicación de REGANOSA non é só asunto das persoas que viven do marisqueo, atinxe a toda a poboación asentada arredor da ría de Ferrol. A detención e ingreso en prisión sen fianza do patrón maior procura intimidar a quen protesta e, de forma nonviolenta, defende a legalidade, a seguridade e a vida na ría. As cargas policiais, ademais de pretender intimidar á cidadanía, buscan reaccións violentas por parte desta para dividir, acurralar e eliminar a oposición cidadá. Por isto mesmo, Verdegaia chama á cidadanía a non caír nas probocacións policiais e se manter dentro dos límites da acción nonviolenta.

Verdegaia esixe a demisión de Manuel Ameijeiras, Delegado do Goberno, o cesamento das actuacións policiais intimidatorias e o submetimento de REGANOSA á legalidade, ao tempo que chama á cidadanía a participar na concentración convocada polo Comité Cidadán para Domingo 3 de Xuño ás 12:00 en Curuxeiras.