Logo do anuncio da retirada por parte do Concello de 2 exemplares da planta exótica Reynoutria japonica, Verdegaia anima ao Departamento de Medio Ambiente a que elabore un estudo sobre plantas exóticas no municipio e desenvolva programas de erradicación daquelas que sexa posíbel. 

A xuízo de Verdegaia, é prioritaria a intervención noutras especies como a herba da Pampa (Cortaderia selloana), que foi plantada por toda a AP-9 e que en Compostela está a colonizar áreas amplas nas saídas da autoestrada en Milladoiro e na zona do Castiñeiriño. Aliás, á beira da ponte da Rocha existe un núcleo ben establecido con centos de individuos que se debería eliminar.

Alén desta especie, tense detectado a presenza doutras herbáceas que poden supor un perigo para a biodiversidade a longo prazo, entre elas a Tradescantia fluminensis (común en regatos de Compostela), o Senecio mikanioides (presente na área do parque de Belvís e tamén en zonas de mato perto do Multiusos do Sar) ou a Arctotheca calendula (que aparece na zona das Cancelas).

Tendo en conta que a fonte de entrada destas plantas é na maioria dos casos o seu uso ornamental, animamos a que desde o concello se elabore unha guía onde se sinalen aquelas especies que pola súa capacidade invasiva deban ser evitadas. Aliás, sería convinte a realización dun inventario onde se describan e sinalen os lugares de presenza de especies exóticas invasoras no Concello (Ferrol xa ten elaborado un) como primeiro chanzo para programas de erradicación.