Na misiva ao embaixador en Madrid e aos ministerios responsábeis alertan sobre a ausencia de avaliación ambiental e a contaminación por metais pesados

Verdegaia presentou denuncias administrativas e penais ante as evidencias de contaminación e os posíbeis delitos contra o ambiente e de prevaricación ambienta

Hoxe, venres 6 de novembro, remitimos unha carta (aquí a carta orixinal en alemán) ao Embaixador alemán en Madrid, así como aos ministerios federais de economía e enerxía, finanzas, cooperación e desenvolvemento e asuntos exteriores, entidades responsábeis polo programa de crédito internacional para proxectos de materias primas (UFK), unha vez se coñeceu que a concesionaria mineira (Galicia Tin & Tungsten, filial da australiana Rafaella Resources) solicitara 11 millóns de euros.

Esta mesma semana, a raíz dunha serie de preguntas no Parlamento Federal Alemán, o goberno dese país indicou que esixiría á empresa mineira cesar de xeito inmediato as súas manifestacións ambiguas que suxerían que contaba con apoio público alemán e solicitándolle que eliminara calquera publicación neste sentido. A concesión dun crédito UFK esixiría a presentación dun documento de avaliación ambiental, trámite que carece o proxecto.

Na súa carta, Verdegaia ofrece a súa colaboración ás autoridades federais alemás achegando información detallada sobre o proxecto mineiro de Varilongo, en Santa Comba, aprobado en 2011 polo director do departamento de minas da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, logo de ignorar todos os condicionantes e informes técnicos previous que esixían a avaliación ambiental do proxecto pola existencia de sulfuros que irían provocar drenaxes ácidas de mina.

Precisamente esta ausencia de avaliación ambiental implicou que os proxectos de explotación e restauración se aprobaran sen incluir ninguna medida para evitar a carga de metais pesados (incluindo elementos canceríxenos como o cadmio ou o arsénico) nin asumiran o problema que supoñen as antigas balsas de residuos mineiros da anterior fase de explotación. Todo isto fai que a de Varilongo, como outras minas metálicas en situación irregular (como as de Monte Neme, Touro ou San Finx) supoñan unha verdadeira bomba de reloxaría química polo risco ambiental que supón a súa reactivación.

No que vai de ano, Verdegaia realizou visitas de inspección á zona de Varilongo así como á próxima Braña da Serra, en Castriz, onde outra filial da mesma matriz Starboard Global Limited, con sede no paraíso fiscal das Illas Virxes Británicas, realizou ilegalmente máis dun quilómetro de sondeos nunha zona de altísimo valor ecolóxico. Isto levou á presentación de denuncias ante as administracións competentes así como ante a Fiscalía que siguen actualmente o seu curso.