Hoxe, Día da Árbore, as Brigadas deseucaliptizadoras estabamos chamadas a continuar tombando mimosas en Lentille. Desde fai dous anos, centos de brigadistas (somos xa 767 brigadistas inscritas) tendes participado en accións por todo o País, moitas veces enfrentando os elementos: “A brigada abrigada nunca será parada“. En dous anos, chovese, nevase ou mallase o Sol, nunca nos tivemos que botar atrás.

Nos últimos días moitas de vós tendes escrito partillando a vontade que tendes de que nos vexamos de novo no monte, defendendo a Terra, sementando futuro, convivindo e soñando. Estamos certas de que non habemos tardar en nos ver e que, logo do que estamos a vivir, retomaremos o traballo con novos folgos e empeño.

Mentres tanto, queremos convocar as Brigadas neste Día da Árbore para continuar a traballar desde as nosas casas pola deseucaliptización do País e para o agromar que será a nosa volta aos montes:
 

  1. Convida ás túas persoas coñecidas a se faceren brigadistas. Partillade as vosas experiencias para que a nosa volta ao monte sexa con máis forza do que nunca. Se cada unha das 767 brigadistas convence a 4 coñecidas para se faceren brigadistas nas próximas semanas xa seremos 3000.
  2. Anima ás comunidades de montes e outras titulares a deseucaliptizar conosco. Explicádelles como funcionan as Brigadas e a mudanza real na paisaxe e ambiente que representan as intervencións. Poden contactos en brigadas@verdegaia.org
  3. Faite doante en Teaming achegando 1 euro ao mes. A túa achega é fundamental para a sustentabilidade do proxecto (e aínda desgrava en Facenda). Podes facerte “teamer” en menos dun minuto e convidar a todas as túas coñecidas a xuntarse ou a colaborar doutros xeitos (patrocinios e mecenados en especie).


Confiamos que todas estexais ben, coidándo de vós e das vosas, para que xuntas poidamos continuar a coidar da Terra tan pronto sexa posíbel.


VÉMONOS NO MONTE!