Incendiovisto dende Monte FontardiónSegundo a información proporcionada pola Xunta de Galicia, dende onte día 2 o incendio que afecta ao Parque Natural Fragas do Eume estaría controlado, polo que esperamos que nas próximas horas se dé finalmente por extinguido. Os colectivos representados na Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume (Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Historia Natural) amosamos a nosa satisfacción polo feito de que o incendio non tivese ocasionado danos persoais ou nos domicilios da veciñanza afectada. Cremos necesario facer unha primeira valoración dos danos ocasionados coa perspectiva das medida que se deberán tomar.

Diferentes integrantes dos colectivos ecoloxistas achegáronse durante o pasado domingo e o luns a algunhas das principais zonas afectadas para coñecer de primeira man como se foi desenvolvendo o incendio. Unha impresión que salientamos é que o incendio non actuou de forma homoxénea, senón que foi moito máis intenso nas zonas de repoboacións (eucaliptais e piñeirais) e zonas de monte baixo. Sorprende incluso aquí, en concreto na zona de Teixido onde se sitúa o inicio do incendio, que o lume tivese respetado franxas de xestas e toxos. En canto ás zonas de fragas, a idea xeral é que resistiron relativamente ben de xeito que arderon máis as zonas herbáceas e o mantillo do chan e se respetaron as partes altas das árbores. Nas zonas de ribeira, a humidade axudou a que non se viran afectadas e que manteñan a cobertura vexetal do chan.

Durante esta mañá foinos posible contactar co Xefe Provincial de Conservación da Natureza e o Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade para coñecer tamén a avaliación que está a facer a Xunta de Galicia. Segundo a versión oficial as hectáreas totais son 750, das cales 370 formarían parte do Parque Natural e concretamente algo máis de 60 hectáreas corresponden a fragas. Algunhas persoas que estiveron a traballar nos labores de extinción comentan a posibilidade de que a superficie puidera achegarse ás 1.000 hectáreas, pero unha vez extinguido o incendio, é necesario facer unha valoración máis precisa. A información proporcionada pola Xunta de Galicia tamén describe o incendio como un lume moi rápido que afectou ás zonas de sotobosque, máis intensamente no concello de Monfero, e que tivo unha afectación modera no dosel arbóreo. Si se recoñece a voracidade do incendio nos eucaliptais e
rodais próximos ás vivendas. O Xefe Provincial destacou a urxencia de elaborar un plan para evitar a erosión do chan e os arrastres aos cauces, feito no que coincidimos manifestando que deben primar os criterios de persoas expertas na materia, e sempre que sexa posible, favorecer que o propio ciclo vexetal permita rexenerar o chan afectado. En canto á fauna e outro tipo de vexetación que se puidera ver afectada, a Xunta entende que aínda é cedo necesitando máis días para precisar o dano.

Os colectivos ecoloxistas manifestámoslle aos responsables de Conservación e Espazos Naturais a nosa preocupación polo baixo caudal do río Eume, do que supoñemos que a día de hoxe se segue a detraer auga para o enchido da antiga mina de As Pontes. O menor caudal en época de poucas precipitacións, pode estar a contribuir a un descenso da humidade nas Fragas do Eume o que podería ter axudado á rapidez coa que se propagou o incendio, xunto coa presencia de eucaliptais. Tamén esiximos a convocatoria urxente da Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume, como foro onde é necesario valorar o acontecido e as medidas que se porán en práctica.