Verdegaia organizará o vindeiro domingo 22 de decembro unha nova actividade encadrada no programa de roteiros de Verdegaia Vai de roteiros!, desta volta polas Veigas de Ponteliñares ubicadas na bisbarra ourensá da Limia. A andaina comezará ás 11 h. na Ponte da Rúa (Rairiz de Veiga/Porqueira) e durará até media tarde.Vai de roteiros 13-14

O programa Vai de roteiros! abrangue a totalidade da xeografía galega e zonas próximas, perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.

Así, cada terceira fin de semán do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia é responsable da organización e realización dun roteiro no que tentamos integrar elementos naturais e culturais, educativos e reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso impacto sobre el.

O itinerario previsto discorre a carón do Limia polos seguintes lugares: Ponte da Rúa, río Bidueiro, Veiga de Ordes, Cruceiro da Penche, Veiga de Congostro, Capela de Nosa Señora da Ascensión, Ponteliñares, Veiga de Ponteliñares, lagoa das Míllaras, río Fíbeda, Ponte da Rúa. É un percorrido circular cunha lonxitude aproximada de 12 Km.

A bisbarra da Limia abrangue un área de máis de 800 Km2 na que se ubican os concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia. A comarca conta con diversos e valiosos valores naturais, feito que acarreou a declaración de dous espazos protexidos dentro da Rede natura 2000: o Lugar de Importancia Comunitaria “Veigas de Ponteliñares” e a Zona de Especial Protección para as Aves “A Limia” que visitaremos o vindeiro domingo no trascurso do roteiro, e do Monumento Natural da Carballa da Rocha.

Entre os valores históricos cómpre salientar os miliarios romanos, o mosterio de Bon Xesús de Trandeiras, a igreza de Sandiás ou as torres medievais de Sandiás, da Pena e de Porqueira. No tocante ós elementos etnográficos salientan os cabaceiros de madeira, os fornos comunais, os muíños e fontes e algúns reductos que aínda se conservan de ecosistema agrario tradicional. Cómpre falar das misteriosas lendas que rodeaban á desecada lagoa de Antela e do mítico río Lethes ou río do esquecemento.

Pola contra, entre as desfeitas que padece a comarca salientan a falla dunha axeitada xestión dos espazos protexidos limiaos por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, as malas prácticas agrícolas, o furtivismo, os verquedoiros incontrolados, os lumes forestais. Cómpre dicir que a Limia é unha bisbarra agredida historicamente a nivel ambiental debido á desecación da lagoa de Antela (unha das maiores lagoas da Península Ibérica) a partires do­­ 1958 e das brutais concentracións parcelarias que a sucederon.

O percorrido é de dificultade baixa e realizarase coa axuda dun guía especializado da asociación que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos (biolóxicos, etnográficos,…) da zona visitada en particular e da bisbarra antelá en xeral ó longo da xornada e en diferentes paradas explicativas.

O roteiro durará todo o día coa súa finalización estimada ás 18:30 h. e cómpre levar o xantar, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles.

As actividades son abertas para todas e todos mais requiren de inscripción previa obrigatoria até o sábado 21 de decembro ás 18 h. xa que as prazas son limitadas.

Para máis información e inscripcións: Diego R. Vieites (670 784 919) Coordenador Xeral e Responsable da Área de Biodiversidade Verdegaia