Verdegaia presenta a oitava edición do seu programa “Vai de roteiros!”, desta volta no marco dun encontro de persoas socias.

A vindeira fin de semana do 26-27 de outubro, Verdegaia celebrará un encontro de activistas nunha contorna tan especial como a do Courel. O obxectivo é realizar a nosa tradicional xornada de Áreas de traballo, pero como xa fixemos no ano pasado, darlle un sentido máis lúdico e de convivencia, así como abrilo tamén a persoas de fóra da asociación.

O sábado 26, no Albergue de Folgoso do Courel, manteremos a primeira parte do encontro, a adicada a partillar as distintas liñas de traballo que está a desenvolver a asociación na actualidade e que pretende abordar no futuro, así como unha reflexión colectiva sobre as ameazas máis destacadas ao noso medio natural ou cuestións de actualidade como a vaga de mobilizacións en relación ao cambio climático.

Na Galiza temos unha riqueza natural, cultural e paisaxística só comparable ás barbaridades que tristemente tamén podemos atopar con certa facilidade: encoros, explotacións mineiras, etc. Así, co dobre obxectivo de coñecer o noso territorio e denunciar moitas das desfeitas que están a degradalo, pomos en marcha unha nova edición, a oitava, do programa “Vai de roteiros!”, despois de varios anos de descanso. Deste xeito, e no marco deste encontro, o domingo 27 de outubro, organizaremos un roteiro pola Devesa da Rogueira, saíndo do Alto do Couto.

As persoas poden anotarse ao encontro do sábado, ao roteiro do domingo ou a ámbalas dúas actividades. Hai que ter en conta que o número de prazas do albergue é limitado, entre 15 e 20 (aínda que podedes atopar pola vosa conta outras opcións para durmir pola zona) e que tamén as prazas do roteiro, para minimizar o seu impacto, teñen un tope máximo de 25-30 persoas.

É recomendable levar prismáticos e roupa e calzado cómodos para camiñar.

As persoas interesadas en asistir ó roteiro e/ou xornada de encontro do sábado 26, teñen que apuntarse no correo electrónico info@verdegaia.org, indicando o seu número de teléfono e agardando a confirmación de inscrición na contestación ó seu correo ata o día 20 de outubro ás 22 horas. Daremos prioridade a persoas socias de Verdegaia, pero o encontro está aberto a todo o mundo.

Programa da xornada:

Sábado 26

-14h Albergue de Folgoso – recepción e xantar conxunto.

-17h-20h Encontro de persoas socias.

-21h Cea (lugar por pechar)

Domingo 27

-10h Alto do Couto – saída do roteiro (circular, 4-5 horas).

O aloxamento no Albergue será de media pensión (o almorzo do día 27, a roupa de cama e unha toalla están incluídos). A asociación disporá de comida para o xantar do sábado (o habitual nestes casos, empanadas, ensalada, tortillas…; con opción vexetariana). A cea reservarémola nalgunha casa de comidas do lugar, cada quen asumirá o seu custe pero intentaremos que sexa económica e con opción vexetariana.

O prezo da durmida do sábado é de 12 euros e o almorzo do domingo son 3 euros.

En termos máis xerais, no programa “Vai de roteiros!” Verdegaia organizará un roteiro cada ano no que divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de lecer máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.

Outros datos:

Lugar de saída: Alto do Couto.

Hora de saída: 10 h.

Lonxitude aproximada: 7 Km.

Desnivel: 500 m.

Duración aproximada: 4-5 h.

Dificultade segundo sistema MIDE (sobre 5): 2

Descrición:

A Devesa da Rogueira é un dos bosques con máis sona de Galicia. Unha magnífica mostra de bosque atlántico climático. A rexión bioxeográfica na que se atopa, unida á orografía derivada do proceso erosivo de antigos circos glaciares, e á súa orientación principal norte, fan que se dean unhas condicións de humidade e temperatura cambiantes. Isto permite que as especies arbóreas dominantes vaian mudando; estas transicións poden ser observadas mentres o percorremos.

Os pequenos ríos que baixan formando fervenzas acollen especies endémicas do norte peninsular como o limpafontes común ou a ra patilonga. A devesa protexe tamén a unha gran variedade de fauna: corzos, martas, gatos bravos, leiróns, e ultimamente o oso pardo cantábrico, etc.

A ruta que imos facer parte do Alto do Couto, aproximadamente a 1250 m de altitude e, despois xa de circular por unha banda de rochas carbonatadas que atravesa a Devesa de Leste a Oeste e que lle confire a esta particularidades propias pola dificultade coa que este tipo de rochas reteñen auga, adentrarémonos nun bosque umbrío establecido sobre rochas silíceas e lousa, no que cada cambio de orientación ou de altitude supón que varíen as especies dominantes.

Unha vez cheguemos ás Fontes do Cervo (Km.3, aprox.) e se o tempo o permite, iniciaremos unha subida que nos levará a acadar os 1.550m., preto do punto máis alto da Serra, o Pico Formigueiros (1639m.). A estas altitudes poderemos gozar dunha paisaxe marcadas polas uces, os afloramentos calíos e os cumios da parte Sur e Leste da Serra, eses que Uxío Novoneyra definiu coma “Os tesos cumes que ollan de lonxe”.

O guía:

Marcos Reinoso, da empresa courelá Pía Paxaro guiará este roteiro. É licenciado en Bioloxía, na Especialidade Bioloxía e Conservación dos Espazos Naturais, pola Universidade de Vigo (ano 2000).

Despois de varios anos facendo distintos traballos, no ano 2013 asentouse en O Courel, onde deu forma á empresa Pía Paxaro. Nestes seis anos, ademais de guiar rutas nas que se pon en valor o patrimonio desta Serra e da veciña de Os Ancares galegos, organizou numerosos obradoiros, de distintos temas: micoloxía, plantas comestibles, orquídeas, astronomía, fotografía, etc.

Ademais, ten colaborado en Cursos e Seminarios de verán organizados en O Courel ou escrito distintos artigos para revistas científicas ou de ecoturismo.

E, sobor de todo, é un apaixonado desta Serra e dos valores que esta transmite.