Cartaz Roteiro Cangas - Barra“Verdegaia organizará o vindeiro domingo 15 de marzo un novo roteiro encadrado no programa Vai de roteiros!, nesta ocasión polo litoral sur da península do Morrazo entre a vila de Cangas e a praia de Barra. O percorrido abrangue diferentes entornos do litoral cangués como o espazo de punta Balea, a praia de Liméns e Nerga. Coas mellores vistas das Cíes de camiño, achegarémonos a distintos aspectos dos valores naturais e culturais deste entorno. A influencia antrópica evidente na tranformación do medio natural costeiro e na construcción de infraestructuras, algunhas delas xa case esquecidas, non consegue eclipsar a beleza natural e o valor ecolóxico deste entorno litoral próximo a cara exterior da ría. No contexto xeográfico da costa da Vela, lugar de importancia comunitaria (LIC), chegaremos camiñando ata a praia de Barra resgardada xunto ó seu amplo sistema dunar pola prolongación cara á ría que forman cabo Home e punta Robaleira e Subrido. Tras descansar e repoñer forzas nas súas areas, voltaremos arredor das 15h da tarde cara a vila de Cangas polo mesmo camino aínda que de xeito máis breve que a ida”.

“O programa Vai de roteiros! abrangue a totalidade da xeografía galega e zonas próximas, perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os valores das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades. Así, cada terceira fin de semán do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia é responsable da organización e realización dun roteiro no que tentamos integrar elementos naturais e culturais, educativos e reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso impacto sobre el”.

“Lembrade levar auga, xantar, roupa de abrigo e calzado impermeable así coma uns binóculos se é que dispoñedes deles”.

Lugar de encontro: Estación marítima de Cangas, 10h. ou estación marítima de Vigo, 9:20 h.