Parece ser que o goberno galego ten intención de aprobar este xoves 28 de Agosto, no seu Consello, o "Plano Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega, Revisado", máis coñecido como Plano Acuícola.

Este proxecto, amplamente rexeitado, expropia terreos nalgúns dos máis privilexiados e virxes recantos da costa galega, para poñelos en mans das multinacionais do peixe de granxa. Unha actividade económica antiecolóxica (fan falla tres quilos de peixe bravo para producir un quilo de peixe de granxa), de forte impacto ambiental e pasaxístico e que compite coa actividade pesqueira artesanal.

A rede de colectivos Galiza Non Se Vende convoca con urxencia para este xoves, día 28 de agosto, unha concentración en Compostela. Ás 11:00 da mañá en  San Caetano. Acude e mostra o teu rexeitamento ás políticas que favorecen aos grandes grupos empresariais perxudicando ao interese xeral.

XOVES  28,  ÁS 11:00 DA MAÑÁ EN  SAN CAETANO

AS MELLORES PISCIFACTORÍAS SON AS NOSAS RÍAS

GOBERNE QUEN GOBERNE GALIZA NON SE VENDE