fuego200010.jpgEmpregando datos oficiais, o informe de Verdegaia "Unha catástrofe incendiaria sen aclarar" pon de manifesto a dimensión da catástrofe provocada polos 1.970 lumes que arrasaron 77.772 hectáreas entre o 4 e o 15 de agosto, un episodio especialmente grave dun desastre ambiental que se repite ano tras ano. Verdegaia, alén dunha nova política forestal, esixe a máxima transparencia sobre a vaga de incendios e a resposta institucional.

Verdegaia, alén dunha nova política forestal, esixe a máxima transparencia sobre a vaga de incendios e a resposta de Xunta, Concellos e Goberno central, a depuración de posíbeis responsabilidades de carácter político ou técnico, e o impulso urxente dun ambicioso plano de recuperación dos terreos queimados que estea ben fundamentado desde o punto de vista técnico-científico.

A superficie queimada entre o 4 e o 15 de agosto equivale ao 3,81% do espazo forestal de Galicia (a porcentaxe de espazo forestal queimado denomínase índice de gravidade dos incendios) . Para se facer unha idea da importancia desta cifra, abonda dicir que, no período 1993-2004, a media anual do índice de gravidade en Galicia foi de 1,4 e que, no período 1994-2003, ningún estado do chamado Clube do Lume da UE (España, Portugal, Sur de Francia, Italia, Grecia), en ningún ano completo, superou o índice de gravidade rexistrado en Galicia durante 11 días de agosto deste ano (coa excepción de Portugal nos anos 1995, 1998, 2000, 2002 e 2003).

Grande incendios responsábeis da maior parte da área ardida

37 grandes incendios (é dicir, maiores de 500 hectáreas) supuxeron case o 80% da superficie queimada. Entre o 4 e o 15 de agosto houbo case tantos grandes incendios como no período 1991-2004. Chama a atención que todos eles teñan como data de inicio o 4 de agosto, o que suxire que nese día o dispositivo de extinción xa estaba totalmente desbordado, a pesar de que foi o día con menor número de lumes da vaga, con 104.

A superficie media queimada por lume durante a vaga foi de practicamente 40 hectáreas, 14 veces superior á media anual de superficie queimada por incendio no período 1990-2004. Considerando o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 20 de agosto, a superficie queimada por lume é de 14,8 ha. O obxectivo que se fixou o Plano INFOGA 2006 foi a de non superar neste ano a media de 3 ha afectadas por lume forestal.

As vagas intensas de incendios e o feito de a inmensa maioría dos lumes seren provocados non son algo excepcional en Galicia e no resto do noroeste da Península Ibérica. Por exemplo, entre o 1 e o 15 de agosto de 1998 houbo en Galicia 2.374 lumes, 1.314 dos cales se rexistraron nas provincias da Coruña e Pontevedra (fronte a 2060 e 1406 en 2006). Neste ano, ao mesmo tempo que en Galicia, tivo lugar en Portugal, especialmente nas provincias de Viana do Castelo, Braga e Porto, unha intensa vaga de lumes. A Consellería do Medio Rural aínda non ofreceu todos os datos necesarios para constatar e precisar as características especiais que tería a vaga de lumes da primeira quincena de agosto a respecto doutras acontecidas no pasado.

Continuismo

Verdegaia tamén destaca no seu informe que predominou o continuismo no Plano INFOGA 2006 e que houbo un descenso nos medios para a extinción de incendios a respecto de 2004, como resultado da diminución das brigadas de entidades locais e de brigadas subvencionadas.

Finalmente, o informe sostén que, mentres non se demostre a súa existencia, o recurso á actuación de organizacións incendiarias, tramas organizadas, estratexias, para explicar esta e outras vagas de incendios só pode ser interpretado como unha cortina de fume, por certo, xa empregada polo Goberno anterior. Neste senso, lémbrase que foi José José Manuel Romay Becaría, o primeiro conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes de Fraga, o primeiro en falar de organizacións incendiarias, das que até hoxe nunca se demostrou a súa existencia.

En calquera caso, con tramas ou sen tramas, Verdegaia demanda que se investigue a fondo a causalidade dos incendios, que se difundan amplamente os resultados das investigacións, as deste ano e as de anos anteriores, tanto no que atinxe ás causas dos lumes como ás circunstancias que rodean os incendiarios detidos, xulgados e/ou condenados, e que se reforcen os escasos medios destinados a investigar as causas e a perseguir e disuadir aos incendiarios.

Baixa o informe completo:

Unha catastrofe incendiaria. Vaga de lumes agosto 2006.pdf