ManifestacionFumigacionsNonA Plataforma contra as fumigacións, da que Verdegaia fai parte, vai defender un país sen pesticidas este domingo nas rúas de Compostela. As voces de abelleiros, labregos, ecoloxistas, e máis de 40 organizacións sociais de todo o país van crear un zunido imposible de calar! Agora non poderán borrar as nosas voces que fixeron con centos de protestas na súa páxina de Facebook. A Xunta de Galicia terá que escoitar o clamor en contra dunhas fumigacións que van contra o sentido común, contra as leis e o que é máis importante, contra o futuro da agricultura, dos ecosistemas e da saúde de milleiros de galegas e galegos que viven nas decenas de puntos que xa están marcados no mapa militar desta guerra contra a nosa soberanía alimentar e para maior gloria da auténtica praga: o eucalipto!

En Internet xa somos case 100.000 persoas a dicirlle NON ás fumigacións e SI á vida das abellas, vítimas na primeira liña deste ataque frontal contra a supervivencia da natureza da que nos alimentamos e da que somos parte intergrante. Agora xuntaremos milleiros de voces tamén nas rúas da capital de Galiza para deixarlles claro aos que poñen o diñeiro e asinan as autorizacións, que non imos permitilo e que coa comida e a auga que consumimos nós e os nosos fillos non se xoga. Co noso monte non se xoga! Nin unha pinga dese veleno na nosa auga, na nosa terra!
Axúdanos a espallar a convocatoria. Fala do problema cos teus amigos, familiares, compañeiros de traballo, veciños…
Xa o dicían os nosos vellos: se morren as abellas, morremos nós!
Calquera día poden aparecer os helicópteros sobrevoando a túa vila, a túa aldea, os nosos montes… Agora é o momento de pararlles os pes! O domingo día 10 de xuño en Compostela!»