O vindeiro 22 de maio celebraranse eleccións municipais en Galicia. Coa presentación deste documento as organizacións ecoloxistas máis representativas do ámbito galego, queremos salientar a importancia crucial dos concellos (por mor das súas responsabilidades e competencias) á hora de realizar actuacións tendentes a acadar un modelo ecoloxicamente sustentable no noso país.

“Un Programa pola Terra” engloba unha serie de propostas para que as diferentes organizacións políticas as integren na súa acción de goberno ou de oposición nos diferentes concellos de Galicia. 

Debido á enorme magnitude da crise ambiental global, causada por un modelo social inxusto que explota de xeito ilimitado o noso planeta finito (os seus recursos materiais e as súas formas de vida), perceptible, entre outros moitos factores, no cambio climático da Terra e na perda a pasos de xigante de biodiversidade, consideramos preciso e urxente un cambio profundo nas políticas desenvolvidas polas Administracións Municipais: ben por posuír un alto grao de implicación na xestión medioambiental a nivel local, ben pola súa estreita relación e proximidade coa cidadanía.

Estas eleccións supoñen unha grande oportunidade para que tódalas organizacións políticas se comprometan a que os Concellos muden as súas insostibles políticas na súa contorna de actuación, reflexionando arredor dos efectos que sobre o global teñen tamén as súas accións no ámbito local.

Para iso, as organizacións ecoloxistas asinantes achegamos este "Programa pola Terra", cunha serie de propostas concretas, factibles e realistas destinadas a ser aplicadas en calquera municipio e permitir a transformación das nosas sociedades.

Este documento contén dez propostas concretas, factibles e realistas, que permitirían a transformación que a actual crise ambiental require. Están baseadas en tres principios básicos:

  • O actual modelo económico e social é inxusto e insostible.

  • É necesario un compromiso de cambio de dimensións estratéxicas.

  • Participación e transparencia non poden quedarse só en verbas.

 

1O MEDIDAS PARA FACER UNHA POLÍTICA MUNICIPAL GALEGA SOSTIBLE

 

1. Integrar enerxía, mobilidade e contaminación

2. Protexer os espazos naturais, a flora e a fauna

3. Implantar unha nova cultura da auga

4. Impulsar a contratación pública verde

5. Facer unha reforma verde do sistema fiscal

6. Ordenar o territorio de maneira sustentable

7. Reducir os residuos sólidos urbanos

8. Apoiar o sector primario e a soberanía alimentaria

9. Fomentar a cooperación ao desenvolvemento

10. Afondar na participación cidadá e ambiental

 

pdf programa_pola_terra_municipais_2011