Para Ecologistas en Acción, a pesar de certos aspectos positivos da proposta de Estratexia Española de Cambio Climático e Enerxía Limpa que vén de aprobar o Consello de Ministros, séguense botando en falla algúns puntos importantes na loita contra o cambio climático.

Por fin, pódese considerar que o Goberno no seu conxunto, e non só o Ministerio de Medio Ambiente como acontecía até agora, comprométese na mitigación e adaptación ao cambio climático. Este compromiso parece que se estende ademais ao da participación pública xa que se incluíron algunhas das achegas das organizacións sociais do Consello Nacional do Clima, e esta proposta debaterase outravolta neste órgano de participación nos próximos meses.

Agora ben, o camiño para o “cumprimento” do Protocolo de Quioto segue tendo lagoas importantes. Entre elas, cómpre destacar a excesiva participación dos Mecanismos de Flexibilidade (20% do 37% total) para compensar as emisións españolas, no canto de realizar unha redución doméstica e efectiva de emisións; a inclusión da Captura e o Almacenamento de Carbono entre as medidas para loitar contra o cambio climático é moi inconveniente polo que supón de perpetuación dun modelo baseado no carbono e polos riscos reais que esta tecnoloxía insuficientemente desenvolvida implica; deberíanse incluír criterios de sustentabilidade ambiental e social nas actuacións de cooperación… en definitiva, todas as alegacións que no seu día propuxo Ecologistas en Acción.

Asemade, na loita contra o cambio climático é esencial unha aposta decidida polo aforro enerxético e non só pola eficiencia, como parece derivarse da maioría das medidas desta proposta.

Os sectores difusos son os que máis aumentaron as súas emisións nos últimos anos, co sector do transporte coa maior contribución a este fenómeno. En consecuencia, faise imprescindible unha lei de mobilidade sustentable na liña da proposta por Ecologistas en Acción e outras organizacións.

Ademais, tendo en conta o grande número de edificios construídos no noso territorio nos últimos anos sen esixencias enerxéticas, faise moi necesario un plano que, con carácter retroactivo e extensible ao resto de vivendas antigas, mellore o illamento dos mesmos e permita avanzar considerablemente na súa autonomía enerxética mediante fontes renovables.

Por último, é evidente que, da cumplicidade e participación activa das Comunidades Autónomas e os Entes locais na elaboración de Estratexias Autonómicas e políticas locais de loita contra o cambio climático, dependerá en grande medida o éxito dunha Estratexia estatal e, xa que logo, da mitigación e adaptación ao mesmo. Nin o planeta, nin a sociedade, poden agardar máis tempo a que todos os niveis da Administración do Estado traballen conxuntamente para nos libraren do maior problema ao que se enfronta a humanidade.