Quen somos? De onde vimos? Onde imos? Unha reflexión sobre o ecoloxismo social.

Estamos a vivir un tempo no que os efectos das crises económica, social, ecolóxica e enerxética son cada vez máis evidentes. Ante isto dise que a nosa sociedade está desmobilizada, que perdeu capacidade de resposta e cultura política. É isto certo? Que papel pode ter o ecoloxismo social neste contexto?

 

O ecoloxismo social ten unha clara vocación transformadora polo que debe saber encarar esta situación e formular propostas e accións que contribúan a mudala. Pero existen moitas cuestións que abordar en relación aos fins e os medios a desenvolver, máxime tendo en conta a necesidade permanente de adaptarse aos cambios constantes da sociedade.

Dende o núcleo comarcal de Verdegaia Vigo invitámosvos na tertulia deste mes de maio a unha revisión xenérica do ecoloxismo social, das súas metas e das estratexias que pode empregar para acadalas.

Partiremos para esta reflexión dun texto base, un breve fragmento do derradeiro libro de Ramón Fernández Durán, La quiebra del capitalismo global: 2000-2030. Adxuntos van outros documentos sobre o ecoloxismo social ou sobre estratexias de acción non violenta que poden servos de interese e que poden axudar a enriquecer a tertulia. Entre eles están: un texto de Murray Bookchin, un dos pioneiros do ecoloxismo social; unha definición deste concepto feita por Francisco Fernández Buey; un breve manifesto ecosocialista de J. Kovel e M. Löwy; unha reseña histórica dos novos movementos sociais e un documento sobre accións directas non violentas elaborado polo grupo antimilitarista de Carabanchel (na mesma liña é interesante un libro que podedes consultar na web, en formato pdf, na seguinte ligazón: 500 exemplos de non violencia )

Por suposto non é preciso ler todo este material para participar da tertulia, o importante é vir dispostas a falar e debater sobre os problemas do noso presente, sobre como debería ser o noso futuro e que pode aportar o ecoloxismo social na súa construción. Vémonos o martes 24 de maio ás 20:30 h, no local da Escola Popular Galega, na rúa Real nº 12, baixo (Casco Vello de Vigo).