soscourel_doazons.jpg A asociación Ecolóxico-Cultural SOS Courel, coa axuda de todas e todos, tentou por todos os medios de parar a desfeita total do Courel. Como nin o Parlamento nin a Xunta escoitaron, agora só nos queda acudir a Xustiza.

E farémolo xa, antes do 10 deste outubro, recorrendo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a autorización do Consello da Xunta, de 21 de xuño de 2007, para a canteira, “La Campa-Santa Eufemia”, no medio da Cunca do Lor, no miolo dun xa masacrado Courel, un dos espazos de maior valor cultural e ambiental da Europa.

Inmediatamente, a primeiros de novembro, teremos que recorrer tamén a licencia de actividade desta mesma canteira.

Logo, si se lle concedera, teremos que recorrer a licencia de apertura. E seguramente polo camiño surxirán máis contenciosos aos que facerlle fronte.

Como o custo de todos estes procedementos, desgraciadamente é sempre proporcional a “magnitude da desfeita”, non temos máis remedio que pedir e aceptar donativos. Por iso para todas e todos aqueles que estean interesados na defensa ambiental e cultural do Courel poñemos a súa disposición o noso nº de conta en “La Caixa”

 

2 1 0 0

2 1 8 3

5 6

0 2 0 0 1 8 1 1 0 9

Se o pesadelo rematara antes do previsto, todo o remanente económico desta campaña, utilizariámolo para a adquisición e restauración de algún anaco de souto abandonado, de calquera outro terreo ou de algunha construcción tradicional en ruínas no Courel, para uso e disfrute de todas e todos.

A Asociación Ecolóxico-Cultural SOS Courel, con NIF G273624 74, con enderezo postal en “Santa Eufemia, nº32, Folgoso do Courel. 27327 Lugo” non ten ánimo de lucro, e tal e como consta nos seus estatutos debe promover todas aquela medidas que leven a acadar a “Posta en valor, recuperación e conservación do Patrimonio Natural e Cultural do Courel”.

Para calquera dúbida, aclaración ou queixa, utilizar o noso enderezo electrónico soscourel@mundo-r.com, o noso enderezo postal indicado arriba ou o telefono 607 22 58 87.

Gracias por axudar

 

 

Outras aclaracións:

Ao noso entender, o Consello da Xunta de Galicia, en xuño de 2007, errou ao aplicar mal a Lei, e autorizar unha canteira no medio da Cunca do Lor, no miolo dun xa masacrado Courel.

A lei mandaba: ” O Consello da Xunta valorará a compatibilidade ou non da explotación cos valores naturais, ambientais e paisaxísticos existentes”. Pois ben, a explotación funcionaba xa, a pesar de unha orde de peche, precisamente por non ser compatible con eses valores.

Ao mesmo tempo esta autorización, é o precedente ambiental necesario para a autorización de alomenos outras 54 explotacións mineiras neste territorio, e tamén para a declaración do concello de Folgoso do Courel como “Concello Mineiro” tal e como se prevé na futura “Lei de promoción da minaría de Galicia”.

É certo o dos postos de traballo, pero no Courel xa hai demasiadas canteiras cunhas condicións ambientais insostibles, recoñecidas polas propias empresas, cando pediron axuda as Administracións para solucionar o problema ambiental no 2001.

No Courel hai posibilidade dabondo de crear moito máis dos cen postos de traballo, da canteira que se cuestiona, e son necesarios e urxentes para a restauración e conservación cultural e ambiental de todo o Courel.

A Xunta pode se quere, crear estes postos de traballo xa, sen traumas nin chantaxes para os traballadores; e os fondos poden saír do mesmo sitio que saíron os do “Gaiás” ou os dos, de momento, 4.000 sobresoldos de 15.000 euros anuais, para pasados e futuros altos cargos; e non imos valorar de momento estes dous últimos “esforzos económicos”.

Aos traballadores da pedra de Galicia, as Administracións débenlle, según algúns sindicatos e nós estamos de acordo, un plan cun “esforzo económico Estatal”, para equiparar a idade de xubilación aos outros ramos da Minaría. De levarse a cabo permitiría a xubilación de moitos traballadores cunhas retribucións máis xustas que as actuais e recolocar todos os traballadores especialistas desta canteira nas outras.

As inversións na conservación do patrimonio cultural e ambiental, son as máis rendibles economicamente, para o presente e para o futuro.