mani_reganosa.jpgDende Verdegaia queremos amosar o noso apoio e solidariedade cos 14 mariscadores que están a ser xulgados baixo a acusación de desordes públicas. Entendemos lexítimo que os encausados esixisen explicacións ao entón presidente da Autoridade Portuaria, Amable Dopico, ante a prohibición de faenar o 30 de maio de 2007, coincidindo coa chegada do gaseiro Mourad Didouche ás instalacións de REGANOSA. Os mariscadores e colectivos opositores a REGANOSA non somos responsables de desordes públicas, senón que hai que sinalar cara ao mesmo Amable Dopico ou o delegado do goberno Manuel Ameiijeiras, ao facilitaren a posta en funcionamento pola forza dunha instalación ilegal.

 

Os tribunais non poden ser utilizados para castigar ás persoas que defenden os seus postos de traballo, senón para pechar e desmantelar ameazas coma REGANOSA. Por isto, facemos un chamamento á cidadanía para que se sume á concentración no Xulgado do Penal de Ferrol o xoves 25 de febreiro ás 10 hs. Manifestamos tamén o noso máis absoluto rexeitamento á planta de gas de REGANOSA, xa que entendemos supón unha ameaza para a seguridade e a vida das persoas que viven na Ría de Ferrol e na súa contorna, ademais de conlevar un impacto ambiental de consecuencias imprevisíbeis para a riqueza pesqueira e marisqueira polos recheos efectuados e os efluentes que se están a verter á ría.