O movemento social Pola Protección da Serra do Galiñeiro levou a cabo este mércores 20 de xullo no Edificio da Xunta de Galicia en Vigo a presentación no Rexistro das 8.000 sinaturas recollidas en apoio á protección desta enclave único no sur da provincia de Pontevedra. Tamén deu entrada nese Rexistro a varias solicitudes de protección do Galiñeiro dirixidas a distintas entidades.

 

Facemos unha petición ao Parlamento Europeo para que a Serra do Galiñeiro sexa incluída na Rede Natura 2000 de Galicia como L.I.C (Lugar de Interese Comunitario) polos seus hábitats, algúns deles de Interese Comunitario, e polas especies de animais e vexetais que alberga, das que algunhas requiren unha especial conservación ou mesmo protección estricta. 

Solicitamos á Consellería do Medio Rural que a Serra do Galiñeiro se declare ademais de L.I.C., Parque Natural (P.N.), ampliando así o P.N. do Monte Aloia. Consideramos que á parte dos motivos anteriormente citados, O Galiñeiro alberga outros valores de grande importancia e natureza diversa que converten a este territorio en merecedor de tal figura.

Os seus valores xeolóxicos e tectónicos son de importancia mundial: estruturas e tipos de rochas, minerais específicos, formacións rochosas, espectaculares derrubios, encaixonamentos fluviais… O valor paisaxístico converte a esta serra en referente para o Val Miñor, Vigo, A Louriña, Baixo Miño e O Morrazo. Os valores sociais e económicos para os seus habitantes non son poucos: dende deportivos e culturais ata didácticos e científicos pasando polo aproveitamento variado que as Comunidades de Montes fan da Serra: cogumelos, madeira, sendeirismo, auga, gandeiría….

Estes servizos nunha área tan densamente poboada como son as bisbarras que arrodean a cidade de Vigo supón unha repercusión na economía e na sociedade en xeral que consideramos que as Administracións deben ter en conta.

Tamén comunicaremos á Xunta Consultiva do Parque Natural do Monte Aloia a nosa solicitude de que a Serra do Galiñeiro se declare Parque Natural. 

E, por suposto, pedimos ós cinco concellos e ás tres Entidades Locais Menores que teñen territorio na Serra do Galiñeiro que as súas corporacións municipais se posicionen sobre a petición de que o Galiñeiro sexa declarado Lugar de Interese Comunitario, e sobre a petición de que sexa declarado Parque Natural, ampliando así o espazo protexido do Monte Aloia.