O MODELO AGROECOLÓXICO É INDISPENSABLE PARA REACTIVAR A ECONOMÍA AGRARIA E RURAL E ENFRONTAR A DESERTIZACIÓN DO CAMPO.

A transición cara a un modelo agroecolóxico é a única maneira eficaz de que a agricultura sexa unha ferramenta útil na loita contra a emerxencia climática. Aplicando a agroecoloxía de maneira integral en cuestións como o fomento do consumo de produtos de proximidade, coa compra pública de alimentos con relacións comerciais xustas en circuítos curtos de proximidade de comercialización ou garantindo. O modelo agroecolóxico é indispensable para reactivar a economía agraria e rural e enfrontar a desertización do campo.

A orde do 23 de marzo de 2020 da Consellería do Medio Rural, pola que adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19 sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, deu lugar ao peche dos mercados alimentarios non sedentarios de proximidade.

Dita orden non nos parece axeitada dende un punto de vista sanitario, pois entendemos que os grandes centros comerciais supoñen un maior risco de contaxio ao supor unha grande afluencia de persoas en locais pechados que comparten espazos, carros e cestos de uso común, e os mercados ao aire libre poderían ser máis adecuados establecendo a debida separación entre os postos e as persoas e regulando o acceso das persoas para evitar aglomeracións.

Ademais con dita orde violouse o principio de non discriminación, marxinando o sector que produce nas economías locais, xustamente aquela economía que necesita máis apoio e que máis reforza a nosa resiliencia e reduce a nosa vulnerabilidade en contextos como o actual. Por outra banda favorécese a produción agrícola intensiva e a gandeira industrial, en gran medida causantes do problema.

O mundo está sufrindo un aumento das infeccións emerxentes como resultado das mudanzas antropoxénicas da biosfera e da globalización. O quecemento global, o aumento da poboación mundial e da urbanización, a explotación dos recursos naturais sen restricións como bosques e pesca, a migración humana, a intensificación da produción agrícola e a industrialización da gandería causan a destrución e fragmentación ambiental. Esas mudanzas da biosfera favorecen o xurdimento local de zoonoses a partir dos seus biótopos naturais e a súa interacción con animais domésticos e poboacións humanas. Posteriormente, a globalización do comercio e do tráfico de animais e persoas favorecen a diseminación destes patóxenos zoonóticos en todo o mundo1.

As mudanzas nas temperaturas e o aumento da frecuencia de eventos climáticos extremos, como secas severas e inundacións, afectan os patóxenos que poden ser transmitidos polos alimentos, levando ao xurdimento de novos patóxenos nos alimentos2. Entre os desafíos a afrontar dende o punto de vista da saúde están a dispoñibilidade e seguranza dos alimentos e a resistencia ás zoonoses3.

O IPC de marzo rexistrou unha suba nos prezos dos produtos alimenticios e aínda se espera unha maior subida en abril debido ao aprovisionamento masivo realizado polas grandes superficies, as grandes industrias e cadeas de distribución, que ademais, ao exercer unha posición de dominio no mercado de produtos agrarios, pagan prezos por baixo dos custes de produción ás labregas e labregos.

As consumidoras e consumidores non podemos dispor de produtos frescos e sans de proximidade e de tempada a prezos económicos e vémonos obrigadas (especialmente no medio rural) a desprazarnos ás grandes superficies –xeralmente afastadas dos núcleos de poboacións– onde nos vemos obrigadas a mercar produtos envasados, distantes, caros e insípidos. Ademais, se non dispoñemos de vehículo proprio temos que utilizar transportes públicos conxestionados nos que nos expoñemos a máis contaxios (á parte dos que poderíamos sufrir nos centros comerciais).

Concordamos con organizacións como o Sindicato Labrego Galego en que unha transición ordenada e desintensificadora cara un modelo agroecolóxico vai ser a única maneira eficaz de que a agricultura sexa unha ferramenta útil na loita contra a emerxencia climática4.

Por todos estes motivos, Verdegaia solicitou á Consellería de Medio Rural o levantamento inmediato da prohibición dos mercados de venda de alimentos non sedentarios5.

1CABELLO C, Carlos y CABELLO C, Felipe. Zoonosis con reservorios silvestres: Amenazas a la salud pública y a la economía. Rev. méd. Chile [online]. 2008, vol.136, n.3 [citado 2020-04-18], pp.385-393. Disponible en: <https://scielo.conicyt.cl/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S0034-98872008000300016&lng=es&nrm=iso>. ISSN 0034-9887. http://dx.doi.org/10.4067/S0034-98872008000300016

2DONOSO, Sergio; GADICKE, Paula y LANDAETA, Carlos. LAS ZOONOSIS TRANSMITIDAS POR ALIMENTOS PUEDEN AFECTAR SU EPIDEMIOLOGÍA, PRODUCTO DEL CAMBIO CLIMÁTICO Y LOS PROCESOS DE GLOBALIZACIÓN. Chil. j. agric. anim. sci. [online]. 2016, vol.32, n.2 [citado 2020-04-18], pp.149-156. Disponible en: <https://scielo.conicyt.cl/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S0719-38902016000200008&lng=es&nrm=iso>. ISSN 0719-3882. http://dx.doi.org/10.4067/S0719-38902016000200008

3ZUNINO, Pablo. Historia y perspectivas del enfoque “Una Salud”. Veterinaria (Montev.) [online]. 2018, vol.54, n.210 [citado 2020-04-18], pp.46-51. Disponible en: <http://www.scielo.edu.uy/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S1688-48092018000200046&lng=es&nrm=iso>. ISSN 0376-4362.

4http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=3&i=1610

5Instancia remitida por Verdegaia á Consellería do Medio Rural: https://app.box.com/s/7h7vclrj2pfwermn8hdykw76bzekhy0p