En Verdegaia vimos de ler en días recentes, entre o asombro e o escándalo, a publicación no DOG por parte da Consellería de Economía e Industria, da seguinte Orde:

“ORDE do 28 de xuño de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento do sector mineiro galego” (consultarmina

Esta disposición, aparecida no DOG nº 130, do 9 de xullo, establece unha convocatoria en réxime competitivo dunha subvención de ata 800.000 euros adicada ao fomento das industrias mineiras en Galicia, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense.

Entre as razóns argumentadas para tal convocatoria citamos textualmente as seguintes:

“(…) Neste contexto (de crise económica e maiores esixencias normativas) é necesario camiñar cara á sustentabilidade do sector, sendo a investigación, a planificación e a ordenación, medios que lle permitirán, non só obter recursos con maior rendibilidade económico-financeira, senón tamén contribuír a protexer máis eficazmente o contorno natural no que se desenvolve, propiciando que os recursos teñan un maior aproveitamento e se xere un menor impacto.”

A referencia á sustentabilidade, como non, vale para xustificalo todo, pero non parece de recibo unha alusión ao impacto ambiental nunha orde que non aborda en ningún momento esa problemática. De feito, cando desglosa os criterios e puntuacións para establecer os proxectos aos que lles será concedida esta axuda, en ningún momento acode aos valores ambientais como parámetros a ter en conta. Este tipo de hipocrisías nos discursos políticos están detrás dese fenómeno do capitalismo verde que tanta prédica recibiu no cumio de Río+20, pero que resulta de todo baleiro se o analizamos polo miúdo.

De Verdegaia estamos xa cansas e cansos de manipulacións e falsas palabras en bocas dunha caste de políticos que fan xusto o contrario do que predican. Queremos lembrar as recentes palabras de Núñez Feijoo sobre o proxecto mineiro de Corcoesto, para o que estimou máis de 1300 postos de traballo. Mentira, clara e evidente, non ten outro nome. O que non é mentira é o dano que este tipo de proxectos causan ao medio, nin a destrución asociada de postos de traballo en actividades máis respectuosas coa natureza e tradicionais. O que hai de fondo sempre é un transvase de capitais colectivos referentes ao medio natural cara unhas poucas mans en forma de grandes empresas, moitas delas multinacionais. Dito doutra forma, a destrución da natureza tamén implica o furto dos seus recursos para beneficio duns poucos. Non serven como escusa os sempre prometidos postos de traballo, pois ben se pode ver cal é a actitude dun goberno do mesmo partido político cara os postos de traballo da minaría relacionada co carbón. Non queremos para a nosa terra algo así, comarcas enteiras que dependen dunha soa actividade, que teñen deteriorado o seu medio natural e laboral e que agora están a mercede de axudas xestionadas polo goberno en quenda. Solidarizámonos coa loita mineira, en canto loita dun sector obreiro pola súa dignidade e o seu traballo, pero non podemos desexar a expansión dun sector como este en Galicia. Moito máis tendo en conta que o tipo de minaría que pula por asentarse no noso territorio é en moitos casos a ceo aberto, especialmente agresiva e invasiva coa súa contorna.

A devandita Orde de 28 de xuño de 2012 fala da situación económica das provincias de Lugo e Ourense e emprégaa como argumento para defender o fomento da minaría no seu territorio. Por que non defender as labregas e labregos? Por que non axudar a reconverter aos sectores gandeiro e forestal en verdadeiramente sostibles, natural e economicamente? Por que non protexer a pesca tradicional? En definitiva, por que deixar morrer o mundo rural galego e adicarse a convertelo nun reservorio de materias primas para a industria e nun espazo de turismo rural para urbanitas?

Pero isto non é todo. A pinga que soborda o vaso é o que segue:

“As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.734A.781.2 «Achegas para familias e entidades sen ánimo de lucro». O orzamento máximo destinado a esta convocatoria será de 800.000 euros.” (Sen ben o crédito máximo poderá ampliarse en determinados supostos)

Nun momento no que se ven de reducir case á metade a partida destinada para servizos sociais básicos, pasando o seu orzamento de 7.230.000 a 3.938.981 euros, unha medida deste tipo resulta un insulto para a poboación en xeral, e en especial para aquelas familias en situación precaria ou con persoas dependentes.

Resumindo: a Consellería de Economía e Industria vén de publicar unha convocatoria de axudas para entidades sen ánimo de lucro, que poden ser empresas (respetando a lexislación europea sobre axudas de minimis, faltaría máis), para o fomento da minaría e especialmente da súa renovación tecnolóxica, derivándoas dunha partida orzamentaria adicada a axudas a entidades sen ánimo de lucro e familias, nunha cifra de 800.000 euros! A xustificación desta axuda nomea a protección da natureza pero non se establece ningún parámetro que faga efectivo ese criterio. O argumentario tamén fala da promoción económica das provincias de Lugo e Ourense, cando as administracións están a deixar morrer os sectores económicos do seu rural.

Por se fose pouco, temos tamén toda a listaxe de recortes que o Goberno estatal ten anunciado o día 11 no Congreso, que por suposto a Xunta de Galicia vai repercutir sobre nós. Unha orde como esta e nun contexto como o actual parécenos fóra de todo lugar e esiximos a súa inmediata retirada.