Organizacións das periferias globais, reunidas en Quito (Ecuador) entre 27 de Xuño e 1 de Xullo de 2007, veñen de apresentar o documento A xeopolítica dos agrocombustíbeis. Manifesto polo des-desenvolvimento: O camiño que propomos desde o Sul, convidando ao debate sobre a crise ecolóxica e enerxética global e a necesaria transición cara unhas sociedades e economías post-petroleiras.

O esgotamento dos combustíbeis foseis, nos que se basea a actual civilización urbana e industrial, está a levar á procura de novas formas de xeración de enerxía, entre as que se atopan os agrocombustíbeis. As organizacións do “Sul Global” entenden que estes combustíbeis de orixe vexetal aprofundan no modelo do agronegocio e da agricultura industrial, entendida como sumatoria de monocultivos, biotecnoloxía, agrotóxicos, capital financeiro e exportación.

As organizacións asinantes do documento afirman que a dependencia mundial concapa_xeopolitica_agrocombustibeis.jpg respeito aos combustíbeis fóseis é satisfeita mediante unha xeopolítica de guerra, rexeitan a enerxía nuclear, denuncian o reordeamento territorial global asociado á xeopolítica dos agrocombustíbeis e defenden a Soberanía Alimentar, que esixe a transformación das economías agroexportadoras do “Sul” e o padrón de consumo no “Norte”.

Tras analisar os impactos ambientais e sociais asociados aos “biocombustíbeis”, as organizacións do “Sul Global” apresentan un manifesto polo des-desenvolvimento no que denuncian que os agrocombustíbeis están a ser impulsados como substitutos do petróleo para manter padróns ambientalmente insustentábeis de produción e consumo.

Os agrocombustíbeis non cambian, senón que perpetúan o modelo de produción e consumo dunha civilización xeradora de inequidade, guerra e destrución ambiental, polo que quen promoven o manifesto afirman que o estilo de vida promovido polo “Norte” e as elites do “Sul”, co american way of life como máxima expresión, debe ser transformado.

As organizacións asinantes entenden que o único modo de superar a crise ecolóxica e enerxética é a superación do capitalismo, e aseguran que a transición cara un mundo post-petroleiro e un novo sentido do “desenvolvimento” será sobre bases ecolóxicas ou non poderá ser. Así, esta transición deberá ter como premisa central garantir a Soberanía Enerxética en combinación coa defensa da Soberanía Alimentar.

O manifesto propón encadrar o debate sobre os agrocombustíbeis nun novo paradigma de des-desenvolvimento que inclúa unha transformación estrutural da economía e o estilo de vida, así como o desmantelamento do macrosistema enerxético que sustenta e garante o poder global. Os eixos dese des-desenvolvimento serían:

  • Des-urbanizar
  • Des-globalizar o comercio e o transporte de mercadorías
  • Des-tecnoloxizar a produción de alimentos
  • Des-petrolizar a economía
  • Des-centralizar a xeración e distribución de enerxía

Descarga e lé o manifesto