ContraMINAcción: Silenciando nos xulgados aos defensores da terra?O vindeiro 7 de maio terá lugar no xulgado número 13 de Vigo a vista oral da demanda iniciada por Cementos Cosmos contra o veciño de Triacastela Marcos Celeiro, por suposto atentado contra o honor da empresa. Marcos Celeiro oponse xunto á veciñanza de Triacastela á mina a ceo aberto de Cementos Cosmos.

O xoves que vén non se xulga a Marcos Celeiro. Xúlgase, sobre todo, o dereito das persoas e das comunidades a se mobilizaren para defender o que é seu: a súa terra, o seu patrimonio natural, o seu futuro. Xúlgase o noso dereito, o de toda a cidadanía, a denunciar en voz alta e publicamente as irregularidades que as empresas cometen no seu afán desmedido de explotación dos recursos e das persoas. Xúlganse, en fin, as máis básicas liberdades democráticas, esas que a nosa administración ten a obriga de garantir. E non de perseguir. Porque o exercicio da liberdade de expresión é un dereito, non un delito.

Os motivos que Cementos Cosmos, pertencente á multinacional Votorantim, esgrime para a demanda, son o de ter denunciado Marcos nas redes sociais (Facebook, Twitter, Youtube) as irregularidades cometidas pola empresa. Esas irregularidades veñen sendo recollidas ao longo do tempo por distintos medios de comunicación. Nalgúns casos, a denuncia da irregularidade ía acompañada de vídeos nos que se podía comprobar a veracidade dos feitos denunciados.

Desde ContraMINAcción pensamos que o obxectivo desta demanda de Cosmos contra o noso compañeiro Marcos non é outro que amedrentar ás persoas que se opoñen á súa actividade, ao tempo que criminalizar a loita dos colectivos que denunciamos as súas irregularidades”, declara Nela Abella, de Verdegaia.

Cementos Cosmos ten un longo historial de denuncias desde distintos colectivos, polas súas malas prácticas na explotación. Entre outras cousas, está a poñer en risco o noso patrimonio arqueolóxico coa súa actividade, diante da pasividade da nosa administración. Somos moitos os colectivos que denunciamos a afección que, a causa da actividade da empresa, está a sufrir unha das maiores xoias do noso patrimonio cultural, a Cova de Eirós. Mentres as nosas denuncias caen en saco roto, a demanda inxustificada da empresa contra o noso compañeiro continúa o seu curso.

ContraMINAcción denuncia que desde a empresa e con esta demanda, quere reducirse a loita de distintos colectivos a unha cuestión persoal e anecdótica, a un suposto capricho de Marcos Celeiro en contra da empresa. Así, ao tempo que se criminaliza a nosa loita cidadá e se trata de paralizar a mesma mediante a busca dun castigo exemplarizante e a todas luces inxustificado contra unha das cabezas visibles da mesma, preténdese minimizar a oposición veciñal, tratando de facer ver á opinión pública que só se trata dunha arroutada persoal aquilo que é en realidade unha loita colectiva dunha comunidade polo seu territorio.

En lugar de levar a un xuízo longo e desgastante a un cidadán de a pé como Marcos Celeiro, Cementos Cosmos debería presentar publicamente toda a documentación que aínda non facilitou, comprobar que ten ao día todos os seus permisos, e vixiar que a súa explotación cumpra toda a normativa vixente“, afirma Lupe Rodríguez, de Salva la Selva.

Porque non queremos renunciar aos nosos dereitos civís, porque non queremos que nos rouben a nosa voz a base de demandas dos poderosos, desde ContraMINAcción queremos berrar forte e alto que hoxe e aquí nós tamén somos Marcos Celeiro.

Somos Marcos, e o vindeiro xoves estaremos con el diante do xulgado de Vigo, desde as 9 e media ata as 11, nunha concentración pacífica de apoio ao noso compañeiro, na que vos animamos a participar.

Non nos resignamos a que a lei sexa a lei do máis forte.

Nin nos van calar, nin nos van parar.