Nos últimos tempos estase a producir no sector enerxético e no ámbito político un debate sobre o modelo enerxético no Estado español e o papel das enerxías renovables nel. A confederación estatal Ecoloxistas en Acción entrou no debate defendendo un modelo enerxético 100% renovable e non controlado polas multinacionais enerxéticas.

En 2008 a dependencia enerxética do Estado español foi próxima ao 80%, con máis do 90% da produción primaria de fontes non renovables. No caso de Galicia, a dependencia enerxética  no mesmo ano foi aínda superior, atinxindo o 86%. Curiosamente, tamén a porcentaxe de enerxía primaria total de orixe non renovable foi do 86 %, en cifras redondas.  Polo tanto, a produción de enerxía renovable non só suporía camiñar cara á sustentabilidade ambiental e cumprir cos obxectivos de redución de emisións. Tamén sería unha fonte de riqueza, ao evitar as importacións de boa parte dos máis de 70 millóns de toneladas de produtos petrolíferos que importa o Estado español anualmente.

O debate estase a centrar na rebaixa das primas ás renovables baixo a escusa de que as primas á solar o ano pasado ascenderon a 2.688 millóns, aínda que a produción só supuxo o 2% do total da electricidade. Os erros pasados do Ministerio de Industria non deben lastrar o desenvolvemento dunha industria, a das renovables, que achega sustentabilidade, riqueza e máis empregos por kilowatio-hora que ningunha outra forma de xeración eléctrica.

Ecoloxistas en Acción considera que a rebaixa das primas á enerxía solar ou á eólica debe ser acordada cos axentes sociais, de forma que se garanta a continuidade da actividade económica ao tempo que se forza as empresas a rebaixaren os seus custos paulatinamente. Nun momento crucial como o actual na loita contra a mudanza climática, é fundamental facer unha aposta decidida polas enerxías renovables e iso non se consegue só con discursos, tamén require investimentos.

Ademais, a argumentación que se basea no "caras que resultan as enerxías renovables" é falsa, xa que os hidrocarburos teñen unha fortísima subvención escondida. Canto custaría a gasolina ou a electricidade producida por unha central térmica se incluísemos no prezo as guerras polo control dos hidrocarburos como a de Iraq, a factura médica das 16.000 persoas que morren prematuramente ao ano en España como consecuencia da mala calidade do aire, ou a perda de ingresos pola desaparición de numerosas praias do litoral español como consecuencia do retroceso de ata 80 metros nestas como consecuencia do cambio climático?.

Pero, en paralelo, o Goberno está a formular facilitar os trámites para pequenas instalacións solares e eólicas, así como para as que xeren electricidade a partir da calor residual dos sistemas de calefacción. Búscase que se acepten as instalacións en 10 días e se conecten en 45. Se o decreto chegase a aprobarse, sen cotas que limiten o número de instalacións, sería iniciar o bo camiño dunha xeración eléctrica renovable e descentralizada, e fóra do control das grandes compañías eléctricas.

Ecoloxistas en Acción considera que agora necesitamos mudar rapidamente o noso mix enerxético para non superar os 2ºC de incremento de temperatura global, para iso non podemos renunciar á produción centralizada de enerxía renovable. Non obstante, isto só debe ser "unha folla de ruta" para alcanzar a soberanía enerxética controlada democraticamente pola sociedade.

Máis información: Área de enerxía de Ecoloxistas en Acción