rio.jpgVerdegaia Compostela organizará o vindeiro sábado 14 de febreiro do 2009 o segundo roteiro do programa "Vai de Roteiros" cunha camiñada pola Devesa de Nimo e o Esteiro do río Tambre. Sairemos ás 9:30 h. da explanada de Salgueiriños en Santiago de Compostela. O roteiro durará toda o día polo que cómpre levar, calzado e roupa axeitados, e prismáticos si se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuíto para todas e todos.

Na zona pola que transcorrerá gran parte da rota, devesa de Nimo, levouse a cabo un proxecto Life 2000, no que pretendía unir unha actividade industrial, co aproveitamento turístico, preservando un espazo natural de grande valor ambiental, poderemos ver quen saíu beneficiado nese mal casamento. Na rehabilitación dun espazo natural degradado e na ordenación territorial, non so non se fixo nada, senón que se segue a deteriorar.

Durante a rota veremos a zona que sería afectada si se leva a cabo o proxecto de parque eólico. Os membros da Plataforma pola Defensa do Esteiro do Tambre xa solicitaron á Consellería de Medio Ambiente que impida a colocación de muíños de vento para a produción de enerxía eólica no Monte da Pena, en Outes, por ser un lugar singular e emblemático de especial valor paisaxístico e ecolóxico. O parque pena de Ferro, estaría situado nos concellos de Noia, Brión e Lousame ocupando dúas zonas da Rede Natura LIC Esteiro do Tambre.

Valores naturais e problemas da Devesa de Nimo e o Esteiro do Río Tambre

A devesa de Nimo localízase na totalidade do concello de Noia, ocupando a marxe esquerda do río Tambre no tramo que vai dende o termo municipal de Brión ata a central hidroeléctrica do Tambre.

A devesa de Nimo é bosque atlántico costeiro caducifolio constituído por carballo, cerquiño, loureiro, acivro, abeleira, espiño, uceiras, cerdeiras e maceiras silvestres, salgueiros, ameneiros, freixos ou érbedos. Ademais das especies arbóreas, na devesa hai unha grande variedade de fentos, liques, brión e fungos. En canto a fauna podemos atopar especies como garzas, anadas reais, merlo acuáticos, avelaionas, cobra de colar, lagarto das silveiras, ra verde ou raposo, coellos, xabarís e garduñas.

A devesa de Nimo é unha das mellores fragas atlánticas de Galicia, agora ameazada por:

Invasión de eucaliptos e un novo parque eólico na zona.

-A alteración paisaxística leva unida a desaparición de importantes masas de frondosas autóctonas con talas, incendios e cambios de usos, que son substituídas por plantacións monoespecíficas de enfermos eucaliptos que ocupan xa máis dun terzo da superficie.

Derivación e canalización do cauce do río, reducindo o caudal nun tramo de 12km e o impacto do mesmo.

Efecto barreira para a fauna piscícola e terrestre, tanto da presa como da canle.

Tales impactos pretenderon ser mellorados cun proxecto Life no 2000, veremos a súa ineficacia.

O Esteiro do Tambre é un conxunto intermareal rodeados de xunqueiras que lentamente, tras o embalse coa central hidroeléctrica Tambre I. O estuario na ría de Noia ten recunchos de valía ecolóxica e paisaxística como en Ponte Nafonso, que o cruza a ras de auga en vinte sucesivos arcos que conduce cara a densa vexetación da Devesa de Nimo. A visión panorámica máis próxima á costa, dende A Serra de Outes, é o monte Tremuzo (526 m) onde agora o plano eólico quere invadir esta zonas da Rede Natura e LIC.

Percorrido:

-Comezaremos en Nimo, unha aldea de Noia que resiste á despoboamento do rural tendo algunha construción ben restaurada. Deixaremos a aldea baixando por un antigo camiño de acceso aos prados chegaremos aos restos dun muíño. Uns poucos metros máis abaixo atopamos unhas curiosas construcións para as colmeas.

-Antes de chegar á canle de abastecemento á central do Tambre I, como a desaparición de grandes masas frondosas autóctonas da fraga de Nimo deixan paso aos monocultivos de eucaliptos.

-Ao chegar á canle que ven da central do Tambre II apreciarase unha das actuacións do proxecto Life para a redución da mortalidade da fauna por causas das caídas na canle.

-Tamén veremos restos das construcións dunha antiga canteira. Ao longo do seguinte tramo a natureza foi facendo desaparecer unha antiga pista e agora as súas raíces levantan a artificialidade.

-Chegaremos a uns restos visibles da canteira e preto da desembocadura do río Quarenza no Tambre faremos unha paradiña de 15 min para repoñer forzas.

-Proseguimos agora aos pes da devesa de Nimo acompañados da vexetación propia da devesa contrastando coas especies invasoras na outra marxe, eucalipto e acacias.

-Despois de varias pasarelas salvando regatos e rochas chegaremos a un refuxio de pescadores e unhas pesqueiras ou pescos que se usaban para a captura de lamprea no río que son outros elementos arquitectónicos que nos acompañarán na rota.

-Xantaremos na central hidroeléctrica do Tambre I, un peculiar edificio proxectado polo arquitecto galego Antonio Palacios no 1932. aquí poderemos ver a actuación máis salientable do proxecto Life coa restauración e construción de diversos edificios de uso turístico.

-Descansados comezaremos o último tramo subindo ate a estación de descarga, onde toda a auga canalizada que ven da central II descende por catro enormes tubarias. Seguiremos subindo e o desnivel nos irá aportando unha vista xeral da zona. Poderemos ver tanto a invasión de eucaliptos, múltiples liñas eléctricas e a zona onde está previsto construír o parque eólico, así como o magnífico Esteiro do Tambre (LIC) que forma o Tambre na súa desembocadura en Pontenafonso abríndose a ría de Muros e Noia. Chegaremos de novo a aldea de Nimo.