Santolina melidensis 2 copia O domingo 19 de abril, o núcleo comarcal de Verdegaia en Compostela organiza un roteiro por este espazo natural, de singular valor pola súa flora e xeoloxía e que está a sufrir diferentes agresións, entre as que cómpre destacar o paso da proxectada A54, a autovía que unirá Lugo e Compostela.

Para o desprazamento contaremos cun autobús, o que nos permitirá realizar dous percursos a zonas diferenciadas da serra, nas súas partes norte e sur. Sairemos ás 10h da parte superior da estación de autobuses de Compostela e retornaremos alí mesmo a media tarde (18-19h).

Os únicos requisitos para vir son anotarse no correo compostela@verdegaia.org antes do sábado 18 e facer un pago de 10 euros por persoa para os gastos do transporte.

Se che interesa podes seguir a ler esta nova, con máis informacións prácticas e sobre a propia serra.

Anímate a vir, pasaremos seguro un bo día de primavera!

Xantaremos durante o propio roteiro. Será preciso levar comida e bebida, así como roupa e calzado axeitados. Tamén aconsellamos levar crema solar en caso de día solleiro e abrigo no caso contrario, pois trátase dunha zona moi exposta. O noso guía para esta xornada será Tino Quintela, quen como investigador e activista ten un grande coñecemento dos valores e ameazas desta serra.

Recolleremos os cartos no propio autobús, polo que agradecemos que traiades a cantidade xusta. Se algunha persoa tivese problemas para facer fronte ao pago, tamén pode escribirnos facéndonolo saber, que ninguén deixe de acudir por iso. En caso de termos que suspender o roteiro, por exemplo por cuestións climatolóxicas, empregariamos a mesma dirección de correo electrónico sinalada para comunicalo.

Os dous percursos do día.

a) Polos altos do Careón

Percurso pola parte alta do LIC Serra do Careón, onde se poden observar os ecosistemas de matogueira, o relevo dos montes, algunhas especies de interese e o impacto de diferentes actividades (parques eólicos, concentracións parcelarias, monocultivos forestais) sobre a biodiversidade e a paisaxe.

Datos do percurso: Toques, A Coruña; arredores da aldea de San Cidre. / Dificultade media / Distancia, 4,6 km.

Nota: este tramo pode sufrir alteracións xa que segundo a época do ano a flora presente pode facelo máis ou menos interesante. En todo caso buscaremos alternativas nesta mesma contorna e sen variar en exceso os seus condicionantes de lonxitude e dificultade.

b) De Basadre a Barazón por serpentinas

Percurso a través da parte sur do LIC Serra do Careón. Permite a observación de numerosos endemismos botánicos, as formas de vexetación asociadas aos solos serpentínicos e, na súa parte final os brutais impactos que as transformacións do territorio (neste caso a concentración parcelaria na parroquia de Sta. Maria de Barazón- concello de Santiso) están a ter sobre os valores únicos deste LIC. A contorna desta área estaría tamén afectada polo trazado da A54.

Datos do percurso: Basadre (Agolada) punto de saída; Barazón (Santiso) punto de remate. / Dificultade media. / Distancia, 5,9 km.

Características da Serra do Careón e valores naturais:

A serra do Careón conta cunha superficie de 6.662 ha. repartidas entre os concellos de Agolada, Friol, Melide, Palas de Rei, Santiso e Toques. Forma parte da dorsal galega que divide de norte a sur as provincias da Coruña e Lugo, e Pontevedra e Ourense respectivamente. Como corresponde ás serras da parte norte desta longa cadea de cordais, presenta altitudes non moi destacadas, arredor dos 600-700 metros, xa que a dorsal vai gañando en tamaño cara a súa parte sur. A altitude media é de 550 metros e o punto a maior altura respecto do mar é o alto do Careón, a 798 metros.

Morfolóxicamente ten unha disposición alongada, de norte a sudoeste, cun perfil en chanzos e áreas de penichaira, ante ausencia de grandes cristas. O substrato rochoso, de gran resistencia a fenómenos erosivos, explica este relevo. A súa situación, altitude, e a acción antrópica, determinan a presenza de extensas áreas de matogueira, que nas Gándaras de Melide son variablemente higrófilas. Canto a súa hidrografía, destaca o río Furelos, que desauga no Ulla, xuntamente cos numerosos pequenos afluentes da súa cabeceira, que nacen tanto nos montes do Bocelo como no Careón.

A serra está incluída dentro dos espazos LIC-Rede Natura 2000, xunto ao curso do río Furelos. A singular importancia da área reside no substrato litolóxico, que constitúe o afloramento de rochas ultrabásicas máis extenso do noroeste ibérico, esténdese entre o sur de Melide e os arredores de Sobrado. Parte da área foi incluída polo Instituto Geológico y Minero de España no rexistro de Puntos de Interese Xeolóxico, e constitúe o PIG C-17 (“Pregamentos tombados no complexo ultrabásico de Melide”).

Esta composición das rochas do solo ten repercusión na presenza de especies vexetais de grande importancia polo seu carácter endémico ou a rareza do seu taxón. Como exemplos: a Armeria merinoi, a Santolina melidensis e Leucanthemum gallaecicum, as dúas primeiras en perigo crítico de extinción.

Os hábitats de interese comunitario (Anexo I da Directiva 92/43/CEE ) con presenza recoñecida neste LIC son:

Estanques temporais mediterráneos.

Uceiras húmidas atlánticas de zonas mornas de Erica ciliaris e Erica tetralix.

Uceiras secas europeas.

Uceiras oromediterráneas endémicas con toxo.

Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii.

Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae).

Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica.