Fragas de Casas VellasDende a Comissom de Meio Natural da Gentalha do Pichel e Verdegaia queremos unirnos ao roteiro organizado por Adega-Lugo e a plataforma Salvemos Catasós na contorna desta fraga situada no concello de Lalín, para o domingo 25 deste mes.

Información práctica para a saída dende Compostela.

Pola nosa parte sairemos dende Compostela nun autocarro de 50 prazas. Con tal motivo sería preciso que vos anotarades e fixerades un pago de 8 euros, a partires do venres 16 e antes do xoves 22 deste mes. Para pechar o grupo o criterio será a orde de chegada das inscricións. Os lugares para efectuar este pago son:

  • O local de Adega – Compostela, na rúa Traveseira dos Basquiños, nº 9, de luns a venres en horario de 10 a 14h.
  • Na Gentalha do Pichel, na rúa Santa Clara, nº 21, o venres e sábado de 19h a 24h, e de luns a xoves de 18h a 23h.
  • Para confirmar a anotación enviade un correo de contacto a compostela@verdegaia.org, antes tamén do día 22, cos datos de todas as persoas que vaian acudir.

O autocarro sairá ás 10h do domingo 25, da dársena do colexio, La Salle, (ao pasar o CGAC). A volta está prevista para media tarde.

Se por razóns meteorolóxicas ou calquera outro motivo houbera algunha mudanza, comunicaremos todas estas cuestións dende o correo electrónico, por iso é fundamental que deixedes un de contacto, ou de forma excepcional un número de teléfono.

Para ese día levade roupa e calzado axeitado e algo de comida, pois faremos un xantar colectivo e volveremos pola tarde. A distancia total do roteiro son 12 quilómetros e a dificultade baixa. Enviamos como achega o mapa do noso percorrido.

Animádevos a vir e apurade, as prazas son limitadas!!!

Valores e motivos para este roteiro.

A pesares de contar cunha área declarada monumento natural pola singularidade dos seus castiñeiros, parte deste bosque autóctono, a coñecida como fraga de Casas Vellas, está ameazada no presente pola intención de Gas-Natural Fenosa de atravesala cun tendido eléctrico. Isto suporía a tala dunha enorme cantidade de árbores, unhas 200, e un corte á continuidade desta masa forestal, xa de por si moi afectada pola estrada que vai de Lalín a Ourense.

Polo de agora a veciñanza, que propón a alternativa do soterramento da liña, conseguiu a paralización temporal da obra, pero non a definitiva. Consideramos polo tanto que é importante dar a coñecer este espazo natural e os motivos da súa defensa.

A comarca do Deza acubilla moitas paraxes naturais valiosas, excepcionais dentro da provincia de Pontevedra pola escasa presenza de especies arbóreas invasoras como acacias ou eucaliptos. Tanto na paisaxe de montaña da serra do Candán coma nos espazos de predominio de pasto, hai que destacar a importancia das súas fragas. Entre elas, a de Catasós conserva un valor singular. Neste caso non atoparemos, coma noutras zonas máis orientais, un souto de árbores baixas e retortas. Os castiñeiros de Catasós destacan pola súa taxa de crecemento. Hai por suposto aproveitamento de castañas, pero algunhas das árbores máis altas tiñan por finalidade un uso madeireiro, por exemplo para as trabes da casa dos Quiroga, na que morou por tempadas Emilia Pardo Bazán.

Xunto aos castiñeiros veremos outras árbores propias do bosque autóctono galego, por suposto carballos, pero tamén bidueiros, sabugueiro ou sobreiras (propias de climas máis suaves). Con sorte tamén poderemos atopármonos algunha vacaloura entre os restos dalgunha póla caída.

Podedes atopar máis información do roteiro na páxina web de Adega