Os colectivos A Xuntanza, Verdegaia e Amarante Setem que vimos de organizar durante varios anos consecutivos o ciclo de cinema documental “Coñecer para cambiar”, e trala boa acollida da primeira edición do concurso de curtas “Filmar para cambiar”, decidimos este ano reorientar a programación cara un novo formato onde queremos pór o foco na participación cidadá.

 

Xorde así o “RevoltAllo audiovisual”, que non é só un ciclo ou un concurso, senón que ten un pouco disto, e é tamén unha proposta máis acaída os tempos e os desexos das persoas para xerar os seus propios discursos.cartaz revoltallo

 

A programación do “RevoltAllo 2014” inclúe por tanto, unha nova edición do concurso de curtas, a proxección das curtas gañadoras da pasada edición, a presentación dun documental galego coa presenza da súa realizadora e unha formación intensiva de fin de semana para a realización de curtas “caseiras”, o “Obradoiro AlloVisual de vídeos contra o capital!”

 

O concurso de curtas xa ten aberto o prazo de recepción de vídeos, dende o 10 de febreiro e até o 30 de abril. Neste concurso poderán participar todas as persoas interesadas que envíen unha curtametraxe de temática social e medio ambiental dende unha óptica de denuncia e na procura de alternativas éticas.

 

A elección das curtas gañadoras será por votación do público asistente no día da proxección e as persoas con algunha das tres curtas máis votadas recibirán un premio simbólico, xa que a finalidade do concurso é dar difusión os traballos realizados ao redor destas cuestións.

 

Xuntamos as bases do concurso e pregamos fagades difusión do mesmo.

 

Tamén se poderán descargar en:

 

www.axuntanza.org

www.amarantesetem.org

 

Podedes descargar o formulario de inscrición aquí.

 

E como non, convidámosvos a participar en toda a programación do RevoltAllo 2014

 

Mércores 30 de abril. Proxección das curtas gañadoras do 2013

Lugar: Biblioteca Ánxel Casal (Compostela) ás 20h

 

Mércores 7 de maio. Presentación do documental “Tesouro de Corcoesto” de Cora Peña

Lugar: A Xuntanza (Compostela) ás 20h

 

Fin de semana do 16, 17 e 18 de maio. “Obradoiro AlloVisual de vídeos contra o capital!”

Obradoiro de 8-9 horas de formación teórico-práctica para a realización in situ dunha curtametraxe de carácter social e/ou medio ambiental.

Dinamizan: Illa Bufarda, www.illabufarda.com

Prezo por persoa: 20€. Inscricións até o 14 de maio no correo-e: revoltallo2014@gmail.com

 

Mércores 21 de maio. Concurso de curtas “RevoltAllo 2014″. Proxección e elección das curtas gañadoras polo público asistente. Lugar: A Xuntanza (Compostela) ás 20h

 

Para máis información: revoltallo2014@gmail.com