O mércores 27 de febreiro saíu na prensa a noticia de que na zona había 59 veciños que reclamaban que se mantivesen as chemineas onde están colocadas actualmente e que se lles daba un prazo de 15 días a todos/as os/as veciños/as da zona e especialmente ós/ás afectados/as que aínda manteñen xuízos abertos previamente, para facer propostas a este respecto.

Verdegaia conseguiu a mesma mañá do día 27 ser recibida pola concelleira de Urbanismo, Áurea Soto, para solicitarlle que nos dera explicacións sobre o tema.

Nesta reunión a concelleira explicounos que segundo a legalidade vixente, os/as donos/as dos garaxes (que son ilegais, cousa que recoñeceu a concelleira) teñen dereito a esta reclamación, xa que consideran que non funcionaría ben o novo trazado dos condutos da ventilación por ser horizontais e non verticais.

O quid da cuestión é que estes/as veciños/as xa remitiron varios escritos á concelleira por este motivo e non os tiveron en conta en ningún momento e a decisión de Xunta de Goberno seguiu adiante. Posteriormente, este grupo de veciños/as interpuxeron un contencioso-administrativo aberto actualmente e pendente de resolución.

A concelleira alega agora que teñen que ter en conta esta opinión segundo a lexislación vixente, recoñecendo que anteriormente fixeron mal en non facelo.

Verdegaia recordoulle que non soamente teñen este xuízo aberto, senón que hai outro xuízo, non de 59, senón de aproximadamente 150 veciños, precisamente coa posición contraria e que en Xunta de Goberno decidiron tanto modificar o trazado como a concreción dese novo trazado dos condutos da ventilación.

En resumo, Áurea Soto non deu ningunha explicación razoable sobre o cambio de idea do Goberno de levar adiante unha decisión e de non admitir a queixa destes/as novos/as 59 veciños/as e incluso nos quixo negar que o lugar onde están as chemineas está declarada “zona verde”.

Pero quizais o máis destacable de todo o comentado pola concelleira de Urbanismo sexan os argumentos que acaban saíndo sempre ó final destas situacións: teriamos que pagarlles ós/ás donos/as dos garaxes unha indemnización, que hai que gobernar para todos/as e, especialmente, que todo o mundo quere construír onde lle dá a gana. A este último comentario, Verdegaia contestoulle que hai unha lexislación urbanística que cumprir e a concelleira contestounos que si, pero que tamén logo queremos sanidade e educación. Non cremos que faga falta comentar nada sobre esta última frase.

Verdegaia contestoulle que se temos que pagar unha indemnización será grazas ás irregularidades e ilegalidades do anterior e do novo Goberno.

Temos que ter en conta que este mesmo luns pola tarde aínda o alcalde Francisco Rodríguez lle repetiu a Verdegaia que para el era un compromiso particular sacar as chemineas de alí.

Verdegaia reitera a súa oposición á actual situación das chemineas, a denuncia da ilegalidade cometida con elas e con todo o proxecto de Mercadona nesa zona e o seu apoio ós/ás veciños/as (150, que non 59), que si seguiron as vías legais para facer uso do seu dereito democrático a ser escoitados/as e a condenar as irregularidades, as ilegalidades e o incumprimento das leis urbanísticas.