Muíños eólicos da Curota. Imaxe de Certo Xornal
A reforma administrativa que a Xunta pretende levar a cabo, axilizando os trámites para os grandes proxectos empresariais pon en entredito as súas garantías ambientais
A Xunta pretende investir as axudas europeas para a recuperación da crise en máis facilidades para as empresas destrutivas, fronte as necesidades para a saúde e o ensino.
Este proxecto de reforma significa máis facilidades para as empresas, e menos para a defensa do ben común.

Segundo declaracións á prensa do Conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, o goberno do PP na Xunta pretende implantar, antes de fin de ano, unha reforma administrativa de cara a axilizar a tramitación dos grandes proxectos empresariais. Quere, ademais, que o financiamento desta reforma veña en boa medida dos fondos europeos destinados a paliar os efectos da pandemia.

Nun contexto de grave crise sanitaria a causa dunha pandemia mundial, as prioridades do noso executivo non parecen estar centradas na Sanidade ou na Educación, senón en favorecer os intereses do sector empresarial. Así, en lugar de contratar persoal sanitario para atender as crecentes necesidades dun sistema de saúde cuxo deterioro é cada día máis evidente, ou persoal docente que permita realizar desdobres nas aulas para garantir unha maior seguridade nas mesmas, os fondos europeos irán destinados a contratar aparellos e persoal para axilizar os trámites dos proxectos das grandes empresas. Esas que sempre teñen algún sillón dispoñible nos seus consellos para os políticos que as favorecen.

Criticamos este xeito de establecer prioridades, que pon o acento, como vén sendo habitual, no lucro privado, en lugar de facelo no benestar público. Algo que parece moito máis grave na actual situación de crise sanitaria global.

Para os colectivos ambientais esta é, sen dúbida, unha mala noticia, e non só polo anteriormente mencionado. Este novo intento de “facilitar a tramitación” (e ben sabemos o que iso significa) é un chover sobre o mollado de outras leis anteriores que ían na mesma dirección, como a Lei de Depredación1.

Ás dificultades que se nos poñen constantemente para acceder á información pública (vulnerando, de maneira deliberada e continuada, a lexislación vixente que nos recoñece ese dereito), e que nos obrigan a realizar mil e un trámites para acceder aos proxectos, súmase agora esta reforma que non é senón outra ferramenta máis para dar vía libre á depredación industrial.

Di o Conselleiro de Facenda na entrevista concedida ao Faro de Vigo que “Temos que tratar de dinamizar a burocracia en todo o que ten que ver coas iniciativas empresariais, que basicamente ata agora actuou pola vía garantista e da legalidade”.

Os colectivos ecoloxistas, as plataformas e os colectivos veciñais afectados por proxectos depredadores do seu territorio, tamén queremos dinamizar a burocracia. Queremos que se nos dea acceso á información solicitada con axilidade e sen atrancos. Queremos que se cumpra a legalidade.

Menos burocracia para empresas significará que non haberá tempo suficiente de exposición pública, alegacións e reclamacións para as persoas e colectivos afectados por eses proxectos. É unha carta branca para a destrución do territorio.

Queremos, ademais, que a vía de tramitación dos proxectos sexa garantista para o medio ambiente. Non como o foi ata agora, pois, contrariamente ao que afirma o señor Martínez, pensamos que neste momento as tramitacións fanse tratando por tódolos medios de eludir a lexislación e as garantías ambientais que esta establece. E non é só que o fagan as empresas promotoras dos proxectos: é que contan, en moitos casos, coa conivencia da administración. Aí si sería preciso establecer controis e avaliacións do do funcionariado; non tanto en relación á produtividade, como suxire o señor conselleiro na entrevista, senón en canto á súa imparcialidade e ao seu deber de defender o público.

Manifestamos, pois, o noso rexeitamento a esta reforma. Un ladrillo máis no muro da destrución do común.

1LEI 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.