eumerallies1.jpg A Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia denuncian que durante a tarde do domingo 13 de xuño o Parque Natural das Fragas do Eume foi utilizado para facer probas cun coche de rallies contando co permiso do Concello da Capela e sen ter informado nin solicitado autorización á dirección do Parque Natural. Ambas asociacións consideran que se trata dunha agresión á fauna e á flora xa que estamos a falar dun entorno sensible que se pode ver afectado pola afluencia masiva de público ou impactos xerados pola circulación dos vehículos, causando ruídos e posibles vertidos contaminantes, atropelos de fauna, etc.

Así mesmo, responsabilízase ao Concello da Capela por favorecer usos non tradicionais, de elevado impacto no Parque Natural e cun interese nidiamente privado, en detrimento dos visitantes que non pudieron empregar a estrada pública. 

Dende as 17 ata as 21:00 horas do pasado domingo 13 de xuño, a estrada que comunica As Neves coa Central Eléctrica do Eume, no Concello de A Capela, e dentro do Parque Natural Fragas do Eume, foi empregada como pista de probas para vehículos de rallie. Non só se cortou o paso neste vial, senón tamén nun dos sendeiros que dá acceso ao Mosteiro de Caaveiro e tamén o acceso cara a Monfero. Sorprendentemente, as instalacións da Central Eléctrica do Eume na Ventureira serviron a modo de taller improvisado de vehículos, se ben este recinto de ENDESA permanece sempre pechado e non pode ser visitado por ningunha das persoas que percorren habitualmente o Parque Natural.

eumerralies2.jpgMembros da SGHN e Verdegaia, xunto con outros visitantes, foron apercibidos polos organizadores para que non empregasen a estrada. Os organizadores entenderon suficiente a autorización do Concello de A Capela e continuaron ata o final da tarde coas probas a pesar de personarse no lugar unha patrulla do SEPRONA.

As dúas asociacións instan aos alcaldes cuxos concellos están incluídos no Parque Natural para que non autoricen probas de vehículos a motor ou calquera outro tipo de actividades que vulneren os valores polos que se lles concedeu a figura de protección. ás Fragas do Eume. Lembran á Consellería do Medio Rural a urxencia na aprobación do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural, unha ferramenta que Verdegaia e SGHN consideran imprescindible para impedir este tipo de aberracións no futuro e posibilitar a axeitada xestión do mesmo.

Finalmente, Verdegaia e SGHN consideran que este atentado ambiental non se pode considerar como un feito illado, senón que se debe incluír dentro dunha auténtica avalancha de agresións ambientais protagonizadas por afeccionados a diversos tipos de vehículos motorizados tales como motos de auga, quads, motos de cross e enduro, vehículos 4×4 e, neste caso, coches de rallies. Ditas agresións ademais, como puidemos observar o domingo pasado e como se constatou recentemente na Ría de Betanzos, non respectan as zonas protexidas pola Rede Natura 2000 ou como Parque Natural.