lampada_fluorescente_compacta.jpgEcologistas en Acción, WWF/Adena, Greenpeace, CC OO e os grupos parlamentarios Izquierda Unida-Iniciativa per Catalunya Verds (IU-ICV) e Los Verdes veñen de presentar unha proposición de lei de Aforro e Uso Eficiente da Enerxía. A proposta evidencia que se pode facer moito máis por reducir o consumo de enerxía do que están a facer gobernos como o estatal e o galego.

A proposición presentada no Congreso dos Deputados inclúe un conxunto de medidas contundentes para deter o continuo crecemento do consumo de enerxía no Estado español e crear un marco legal que fomente unha cultura enerxética baseada no aforro, o uso de tecnoloxías máis eficientes e as fontes de enerxía renovables.

O sistema enerxético español veu mostrando tradicionalmente unha perda de eficiencia enerxética ao necesitar cada vez máis enerxía para producir unha unidade de PIB, por riba do resto dos estados europeos. Este feito, unido á forte dependencia do suministro exterior de enerxía (un 80%, fronte ao 50% de media da UE) e á forte escalada dos prezos do petróleo, está prexudicando seriamente a evolución das emisións de gases de efecto invernadoiro debidas á produción e ao uso de enerxía, e a competitividade da economía.

Malia as medidas propostas polo Goberno español no Plano de Acción de Aforro e Eficiencia Enerxética para 2008-2012 e a Estratexia Española de Cambio Climático e Enerxía Limpa, éstas resultan  insuficientes para evitarmos o desbaldimento e conseguirmos aforros enerxéticos efectivos e reais, que garantan que España cumpra os compromisos adquiridos no marco do Protocolo de Quioto e se sitúe adecuadamente para asumir compromisos máis ambiciosos despois de 2012.

Reducir o consumo un 1% anual

Para conseguilo, a proposta de lei establece un obxectivo uniforme de aforro no consumo total de enerxía a nivel estatal de, polo menos, un 1% anual en termos absolutos, durante os primeiros cinco anos a partir da entrada en vigor da lei. Esta cifra debería axustarse posteriormente para atinxir una redución mínima absoluta do 20% en 2020 a respecto de  2005.

Coa finalidade de acadar a devandita meta, a proposición de lei recolle a necesidade de pór en marcha un amplo abano de actuacións e medidas de xestión da demanda nos sectores consumidores finais. Entre elas, cabe salientar a dispoñibilidade de auditorías enerxéticas ao alcance de todos os usuarios finais, especialmente para as PYME e os sectores residencial-terciario, e a introdución e o cumprimento de criterios de eficiencia enerxética na planificación territorial e na construción e mantemento dos edificios. Os prezos e as tarifas eléctricas deberán establecerse de xeito que reflitan os custos sociais e ambientais orixinados polas enerxías sucias.

Asimesmo, contémplase tamén a eliminación progresiva do mercado das tecnoloxías obsoletas e ineficientes, e o cumprimento duns estándares mínimos de eficiencia enerxética nos novos produtos consumidores de enerxía que se comercialicen en territorio estatal. A iluminación exterior e a contaminación lumínica reciben tamén unha especial atención na proposta de lei, establecéndose a obriga de utilizar sistemas de alumeado enerxeticamente eficientes e limitacións da intensidade lumínica a partir de determinadas horas da noite. Limítase a iluminación de Nadal, a de edificios e a de valados e anuncios publicitarios. Todas as Administracións públicas (estatais, autonómicas e locais) deberán contar cun plano de aforro e eficiencia enerxética nas súas propias instalacións que inclúa o nomeamento dun xestor enerxético para o seu seguemento, e considerarán criterios de aforro e eficiencia enerxética e de preservación do medio ambiente nos pregos de condicións dos contratos públicos por obras, suministro ou servizos. Igualmente, os concellos de máis de 20.000 habitantes elaborarán os seus respectivos planos locais para conseguiren unha xestión enerxética local sustentable.

Para a realización efectiva dos obxectivos e instrumentos previstos na lei, proponse a creación da Axencia para o Aforro e as Enerxías Renovables como ente administrativo e institucional, e o Consello Consultivo de Aforro e Uso Eficiente da Enerxía como órgano de participación social, económica e cidadá.

Máis información:

Área de enerxía de Ecologistas en Acción