PRINCIPIO DE ACCIÓN EN REDE

A asociación privilexia o traballo en rede con outras organizacións, especialmente de carácter ecoloxista, tanto de dentro como de fóra de Galicia, actuando segundo o lema pensando globalmente e actuando glocalmente (local e globalmente). Evitarase o localismo e unha visión sectorial ou curtopracista da problemática socioambiental. A filosofía de traballo en rede inspirará tamén o traballo no interior da asociación, entre os núcleos e as áreas de traballo que a conformen.

PRINCIPIO DE APARTIDISMO E INDEPENDENCIA

Valoramos a independencia de forzas políticas, empresas, sindicatos e Administracións como unha condición imprescindíbel para o noso traballo. Debemos ser e parecer independentes. Por iso, durante o tempo do seu mandato, calquera persoa que desempeñe un cargo na asociación non poderá exercer cargos en forzas políticas ou sindicais, nin responsabilidades políticas ou técnicas de confianza nas Administracións, nin concorrer en listas electorais.

PRINCIPIO DE RIGOR E ESIXENCIA CRÍTICA

Os problemas ambientais son problemas políticos e sociais e as vías para a súa resolución deben ser definidas e aplicadas de forma democrática polo conxunto da sociedade, de acordo cos valores e principios que asuma. Porén, o rexeitamento do enfoque tecnocrático non é incompatíbel coa necesidade de fundamentar ben as nosas propostas e críticas desde o punto de vista técnico-científico.

PRINCIPIO DE FUNCIONAMENTO DEMOCRÁTICO DOS ÓRGANOS DE DIRECCIÓN

Todos os órganos de dirección da asociación reúniranse de forma regular. As Asembleas potenciaranse como espazos para o debate e a toma das decisións máis relevantes. Os nomes e unha breve presentación dos membros das Comisións Coordenadoras serán públicos. Existirán mecanismos de análise e criterios concretos para a selección de provedores, persoal, etc., para prevenir sospeitas de conflitos de interese.

PRINCIPIO DE PROMOCIÓN DA PARTICIPACIÓN DOS SOCIOS E SOCIAS

As Comisións Coordenadoras farán un esforzo permanente por implicar aos socios e socias nas actividades da asociación, transmitindo información, motivando a participación, mellorando a capacitación dos/as activistas, xerando espazos de participación accesíbeis e eficaces e posibilitando niveis diferentes de implicación. Asemade, promoverase o voluntariado, de socios/as e de non socios/as, a través do desenvolvemento de proxectos de, sensibilización, conservación e restauración ambiental.

PRINCIPIO DE PARIDADE

Aspiramos a unha sociedade igualitaria entre mulleres e homes. Queremos que a presenza de ambos os dous sexos nos cargos da asociación sexa paritaria. Rexeitamos o uso de linguaxe sexista.

PRINCIPIO DE PLANIFICACIÓN E SEGUEMENTO DA ACTIVIDADE

A improvisación levá á desorientación, á descoordenación, á saturación dalgunhas persoas e a priorizar o urxente en detrimento do importante. Organizaremos a nosa acción prevendo os resultados a acadar. Planificaremos o traballo, de forma participativa e flexíbel, establecendo obxectivos concretos e realizábeis, a partir das prioridades definidas e dos recursos humanos, materiais e económicos dispoñíbeis. Os planos de traballo anuais enmarcaranse en planos estratéxicos de 3-5 anos. Farase un seguemento e unha avaliación das actividades planificadas.

PRINCIPIO DE COMUNICACIÓN E IMAXE FIEL NA INFORMACIÓN

A comunicación coa sociedade permite xerar as sinerxías precisas para promover a transformación social cara á sustentabilidade e favorece a consecución do noso obxectivo de aumento constante da base de socios e socias. A política de comunicación externa da asociación concretarase nun plano. As accións de publicidade e de captación de socios e socias e de fondos refletirán de forma fiel os obxectivos e a realidade da asociación. Farase pública unha memoria anual na que se recollerán as principais actividades e logros, as fontes de financiamento, os gastos, a evolución do número de socios/as e a relación de entidades coas que colaboramos.

PRINCIPIO DE TRANSPARENCIA E PLURALIDADE NO FINANCIAMENTO

Co obxectivo de favorecer a independencia e a continuidade da asociación, procurarase diversificar as fontes de financiamento externo e maximizar os ingresos procedentes de fondos propios (cuotas de socios/as, organización de actividades, venda de materiais,…). Os ingresos propios nunca serán inferiores ao 25% dos ingresos totais da asociación. Ningún dos financiadores externos poderá achegar máis dun terzo dos ingresos totais. Divulgaranse as fontes de financiamento e as cantidades achegadas por cada unha delas. Os convenios asinados con Administracións ou con empresas estarán dispoñíbeis ao público na web da asociación.

PRINCIPIO DE CONTROL NO EMPREGO DE FONDOS

Definirase un orzamento anual, para que a planificación de actividades sexa consecuente cos recursos dispoñíbeis e para que a captación de fondos se adapte ás necesidades reais da asociación. Será pública a distribución dos gastos de funcionamento agrupados nas categorías de Actividades, Captación de Fondos e Administración.