Transcorrido un ano desde a toma de posesión do actual goberno galego,  Verdegaia entende que, se ben se deron avanzg5p2f1.jpgos a respecto dos gobernos anteriores, a actual Xunta non ten integrada a sustentabilidade na súa acción e desenvolve unha política errática e contraditoria en asuntos ambientais. A presión social e a normativa ambiental europea son os principais motores das melloras ambientais.

O Goberno bipartito ten sido máis dialogante e receptivo ás demandas ambientais cós Gobernos anteriores. No último ano houbo algúns avanzos importantes, coma o freo á instalación desordenada de minicentrais hidroeléctricas e de piscifactorías. Con todo, a sustentabilidade ambiental segue a ser a excepción, e non a norma, na acción da Xunta.

O goberno galego aínda está moi lonxe de se poder considerar un Goberno que aposte pola sustentabilidade. A liña política seguida, por exemplo, en materia económica, de transporte ou de enerxía, amosa que a sustentabilidade non é algo transversal á acción de goberno, senón máis ben algo tanxencial. O engadido de “Desenvolvemento sostible” ao nome da Consellería de Medio Ambiente foi até hoxe pouco máis que unha medida cosmética. A ausencia da sustentabilidade nos debates sobre o Estatuto, cuxa reforma debería servir para impulsar o desenvolvemento sustentábel, é unha proba máis de que a sustentabilidade non ocupa un lugar central nas preocupacións de Xunta e oposición.

Evidentemente, un ano non é abondo para facer unha avaliación completa da acción de Goberno mais pode ser útil para analisar o seu rumo e, de ser necesario, realizar achegas para o corrixir. Neste senso, Verdegaia fai un balanzo-resumo. Entre o máis positivo, cómpre destacar o cambio na política da auga, a defensa da costa fronte ás piscifactorías ou o inicio das negociacións para o peche do complexo ENCE-ELNOSA en Pontevedra. No lado máis negativo, saliéntase que as políticas enerxética e de transporte seguen a fomentar a insustentabilidade e a continuación da construción de parques eólicos en zonas de interese natural.

O Goberno non foi capaz de presentar aínda unha proposta de Estratexia de Desenvolvemento Sustentábel, non impulsou o prometido pacto social e político contra os incendios e mantén unha actitude compracente perante as elevadas emisións de gases causantes do cambio climático das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama. Entre os anuncios positivos pendentes de cumprimento e que deberían ser realidade a curto prazo, Verdegaia destaca os planos para a xestión do litoral e da rede Natura 2000 e a lei de defensa da paisaxe.